19D en defensa da cirurxía pediátrica

Ata o de agora, Ourense dispuña dun bo servizo de cirurxía para as máis pequenas. Sen apenas listas de espera e cun índice de altas de entre 12 e 24 horas, tratábase dunha das unidades máis eficaces de Galicia.

Porén, a xerencia do Complexo Hospitalario de Ourense (controlada polo Partido Popular) decidiu non cubrir dúas prazas vacantes alegando que sería máis eficaz trasladar ós pacientes a Vigo. Así pois, se unha nena ou un neno ourensán precisa ser operado de urxencia a partir das 3 da tarde, será levado a Vigo onde se lle realizará a intervención. Ademais dunha angustia extra innecesaria, esta medida supón un auténtico problema económico para as familias máis humildes xa que os desprazamentos son pagados con cartos dos seus petos.

Unha vez máis podemos comprobar cales son as prioridades do Réxime do PP e o PSOE que pon por diante dos servizos públicos máis esenciais o pago dunha débeda ilexítima creada precisamente polos culpables desta crise.

Por iso, dende Esquerda Unida chamamos ó pobo de Ourense a defender decididamente un Dereito Universal. Queremos mostrar o noso apoio a todas as accións organizadas por SOS Sanidade Pública e nomeadamente á manifestación convocada por esta plataforma o xoves 19 de decembro ás 20:00h no Pavillón dos Remedios.

Porque contra as políticas deste réxime que só perseguen o enriquecemento de empresarios ebanqueiros e empobrecen á gran maioría da poboación só cabe unha resposta: mobilización na rúa!

NON SOMOS NÚMEROS. SOMOS PERSOAS!

Relacionados