1ºde maio: Viva a loita da clase traballadora

Non é certo. Minten. Non existe saída da crise. Non, mentres exista traballo inestable, precario, mal remunerado, con perda de dereitos. Non existe saída posible á crise desde as pautas que marcan os axentes do capitalismo, as oligarquías e os gobernos-títere axeonllados.

Unha mocidade expulsada de seu país. Cáseque un 22% de persoas sen emprego, isto é máis de 275.000 persoas vén conculcado o seu dereito ao traballo en Galicia. Cáseque 95.000 fogares galegos con todos os seus membros no desemprego…mentres a Xunta de Galicia recorta, orzamento tras orzamento, a capacidade de protección social desde o público. Queren que vivamos da caridade en vez de termos os nosos dereitos garantidos.

Non é certo. Minten. Non existe saída da crise. Non, mentres un 20% de persoas asalariadas teñan que vivir ao límite, con menos de 983 €, e delas o 10% con menos do salario mínimo interprofesional (638 €). Non podemos aceptar nin resignarnos ao traballo escravo que queren os donos do capital.

A fenda da desigualdade non deixa de medrar ano tras ano. Os máis ricos, practicando a inmoralidade fiscal e tributaria, procuran, co amparo de Leis ao seus servizo, roubar a plusvalía xerada pola clase traballadora; en vez de tributar polo que deben, practican estratexias de desprazamanto de capitais a terceiros países e evaden diñeiro a paraísos fiscais, deixando un buraco negro nas arcas públicas e desangrando así as veas dos nosos servizos públicos.

E mentres, traballadoras e traballadores, co noso salario, somos quen mantemos un sistema público debilitado. Desigualdade salarial. Desigualdade laboral. Desigualdade fiscal e tributaria. Non podemos aceptalo nin resignarnos.

Por iso, non é certo. Minten. Hai alternativa!!!! Pero non con eles!!! Non co capitalismo!!! Esquerda Unida sabe que a alternativa vén da man da loita da clase traballadora. Non caben indefinicións nin ambigüidades. Só poderemos enfrontarnos ao capital co compromiso firme das esquerdas, coa unión de forzas políticas e sindicais para recuperar os dereitos demoucados, para frear este estado de sitio que quere roubarnos a dignidade.

Este 1 de maio de 2015 recupera os teus dereitos

 

Viva a loita da Clase Traballadora!

Relacionados