25 de xullo. Protección e fortalecemento do público

Galicia vive unha fonda crise económica e social. Máis dun cuarto da poboación vive en risco de probreza e exclusión social, as dificultades para acceder a un teito baixo o que vivir acrecéntanse e o país vive unha progresiva perda da súa industria.

Esta pobreza vai en aumento mentres a ausencia de resposta institucional tamén continua a ser unha realidade diaria.

Unha grande parte dos homes e mulleres deste país teñen xa serias dificultades para acceder a unha vivenda, cun mercado especulativo en auxe que eleva os prezos dos alugueres de xeito exponencial nos últimos anos e que fai que nalgunhas cidades, coma Vigo ou A Coruña o prezo do 90% das vievendas se atope por enriba dos 500 euros, a metade dun salario mínimo interprofesional.

A ausencia de intervención no mercado da vivenda é palmaria, coma o é a falla de vivenda pública en rexime de alugueiro.

Sen teito, pero tamén sen pan. A inflación é un problema desgarrador para a clase traballadora, que asiste cada día nos supermercados a un alza de prezos que teñen un claro impacto na saúde das persoas con menos recursos.

Unha saúde cuxo coidado soporta un maltreito sistema sanitario, recortado pola dereita ata a extenuación e que hoxe pasa verdadeiros apuros para soportar a demanda asistencial. Para a sanidade xa non hai aplausos, hai enormes furados motivados por década e media de recortes de persoal.

Ese deterioro forma parte tamén da crise e da perda de dereitos da clase traballadora, é sen dúbida un empobrecemento real.

Un empobrecemento que non só se materializa no cotiá das nosas vidas, se non tamén nos ataques que sufre o noso medio rural e os nosos ecosistemas naturais. Ausencia recursos e servizos no rural, ausencia de planificación do ámbito forestal, falla de protección de acuíferos e ríos, explotación do medio acuático e do vento por multinacionais cun grave impaccto do territorio e lumes que destrozan vidas e futuro.

Este 25 de xullo vén marcado polo lume. O país arde mentres a Xunta de Galicia continúa coa súa política de brazos caídos, sen traballar para dotarnos dun sistema de prevención e ordenación do monte.

Neste panorama de crecemento da pobreza son en moitas ocasións os concellos a primeira porta á que chaman as e os cidadáns. Concellos nos que en moitos casos fanse grandes esforzos para atender estas necesidades con poucos recursos, pero nos que en moitos outros a lóxica capitalista é a norma operante.

Fastos con grandes dispendios antes que axudas sociais, privatizacións antes que calidade nos servizos públicos, pisos turísticos antes que vivenda pública, plástico e cemento no lugar de zonas verdes…

Esquerda Unida defende que a Galicia que queremos se loita nas rúas e se traballa desde o municipal, desde a capacidade do próximo.

Precisamos dun país que responda ás necesidades reais, as que afrontamos todos os días, políticas reais para poder vivir con dereitos, con soberanía, con opcións e sobre todo vivir coa perspectiva dun presente e dun futuro dignos.

Esquerda Unida pon o aceno na importancia das vindeiras eleccións municipais como chanzo na consecución de melloras para a vida das galegas e galegos e como espazo de mobilización polos dereitos máis básicos.

Neste 25 de Xullo, lembramos que o cotiá se constrúe en comunidade, se defende coa mobilización social e se pelexa tamén nas institucións máis próximas e, facemos un chamado á mobilización de todos os homes e mulleres que queren un país menos emppobrecido e con máis xustiza social e contruír canda nós a alternativa.

Relacionados