A área de Educación de EU considera que estes orzamentos son “un cúmulo de desatinos para o ensino”

Para EU, os orzamentos do 2016 insisten  da dirección privatizadora e precarizadora do público dos orzamentos dos gobernos Feijoo.

Despois de 600 millóns de euros recortados en Educación na era Feijoo, o Goberno Galego pretende construír o relato da recuperación cuns orzamentos educativos que esquecen as verdadeiras necesidades do ensino galego. EU considera que os orzamentos do ano 2016 serán os últimos da dereita en Galicia e recollen a esencia dos postulados educativos do Partido Popular: recortes, desorganización e falla de criterio.

1º. DESATINO: INCREMENTO DOS FONDOS PARA O ENSINO PRIVADO/CONCERTADO

O Goberno Galego incrementa os recursos destinados ao ensino privado en 6 millóns de euros, alcanzando a cifra récord de 243,1 millóns para o ano 2016, cos que o Goberno Galego alcanzará os 1.000 millóns de euros adicados ao ensino privado/concertado nesta lexislatura. Un ensino privado/concertado que incrementa unidades e profesorado ao mesmo tempo que se pechan mais de 500 aulas, mais de 100 escolas e desaparecen milleiros de profesores do sistema educativo público galego.

Chama poderosamente o incremento de mais de 2 millóns de euros para os concertos da Formación Profesional, nunha etapa non obrigatoria.

2º DESATINO: BLINDAXE DOS ORZAMENTOS PARA O ENSINO DA RELIXIÓN

Os orzamentos para o 2016 garanten mais de 27 millóns de euros para o ensino da Relixión Católica, unha partida que o Goberno Galego mantén intacta ano tras ano, a pesares dunha diminución do 43% da matricula de alumnado nesta materia nos últimos anos.

3º DESATINO: CAIDA DOS GASTOS PARA REPARACIÓN E MANTEMENTO DOS CENTROS EDUCATIVOS

O Goberno Galego recorta en 700.000 euros as partidas adicadas a reparación e mantementos dos preto de 1300 centros educativos públicos de Galicia. Cunha idade media que supera os 30 anos, a rede de centros públicos galegos precisa de investimentos para garantir o seu axeitado mantemento, a realización das reformas necesarias, así como para a mellora da eficiencia enerxética das aulas. A maior parte dos centros de Ensino Galego teñen pendentes investimentos nesta materia mais, na maior parte dos casos, terán que esperar un ano mais para acometelas. Para Esquerda Unida o Partido Popular está deixar unha herdanza imposible de asumir para calquera Goberno que suceda a dereita en Galicia en materia dotacional e de infraestruturas educativas.

4º DESATINO: RECORTE SALVAXE NO FINANCIAMENTO ESTRUCTURAL DA UNIVERSIDADE

Os orzamentos para o ano 2016 impoñen un recorte de 13,5 millóns de euros no financiamento estrutural do Sistema Universitario de Galicia, comprometendo seriamente a suficiencia financeira das Universidades Galegas. A este feito hai que engadir o incumprimento do Plan de Financiamento Universitario 2011/2015 que segundo un recente Informe do Tribunal de Cuentas do Estado, supuxo un recorte do 17% dos fondos públicos para a Universidade Galega.

5º DESATINO: RECORTE IRRESPONSABLE NO I+D+I

Fronte un escenario de aposta pola investigación e a innovación na contorna europea, o Goberno galego continua pola senda dos recortes nas políticas de impulso ó I+D+I. Así, para o ano 2016, o Goberno consagra un recorte de 2,3 millóns nas axudas aos contratos predoutorais e un descenso de 4,7 millóns nas axudas para a contratación de investigadores, toda unha mostra da falla de criterio á hora de establecer as prioridades para o desenvolvemento de Galicia.

6º DESATINO: CONXELACIÓN DAS BOLSAS UNIVERSITARIAS.

Nun escenario de severas dificultades económicas para as familias, o Goberno Galego mantén conxeladas as Bolsas para estudantes universitarios. So na universidade de Vigo se teñen incrementado nun 40% os requirimentos por impago que se contan por millares no conxunto do Sistema Universitario Galego, un feito que xustificaría un incrementos deste tipo de bolsas para calquera Goberno cun mínimo de sensibilidade social.

7º DESATINO. APOSTA POLO MODELO CULTURAL CENTRALIZADO

O Mausoleo Fraguiano da Cidade da Cultura incrementa os seus orzamentos en 2,3 millóns de euros e absorbe xunto coa ineficiente Axencia Galega das Industrias Culturais con sede no faraónico edificio do Gaias, o 32% dos orzamentos culturais de Galicia. Uns orzamentos de Cultura que teñen minguado nun 60% as súas partidas provocando o esmorecemento dos circuítos culturais, da edición do libro en galego, do teatro, da danza e do audiovisual galego.

8º DESATINO. BLINDAXE DOS FONDOS DA FUNDACIÓN CAMILO JOSÉ CELA.

Unha fundación investigada e con membros da súa dirección imputados, con irregularidades manifestas na súa xestión e funcionamento, mantén intactos os 257.000 euros adicados polo Goberno Galego e permiten superar os tres millóns de euros de recursos públicos recibidos por este ente dende o ano 2007.

9º DESATINO: ABANDONO DO PATRIMONIO GALEGO

O Programa 433A de protección e promoción do patrimonio sofre unha caída de 848.778 euros dunha partida xa de por si escasa. Neste escenario, a situación da Cova de Eirós, Campo Lameiro, o noso patrimonio costeiro, o petróglifos e resto de xacementos, continuarán sumidos no desleixo e abandono mais absoluto.

10 DESATINO: CONXELACIÓN ORZAMENTOS DO PROGRAMA DE FOMENTO DA LINGUA GALEGA.

Despois dun lustro de recortes, o programa 151A de Fomento da Lingua Galega permanece conxelado con referencia ao exercicio 2015, nun contexto de serias dificultades para o noso idioma, cun descenso constatado no número de falantes e ámbitos de uso, no que o goberno Galego renuncia claramente ás súas obrigas estatutarias na defensa e posta en valor da lingua de Galicia.

Relacionados