A auga de Meirama

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que a decisión de executar o transvase de auga de Meirama a Cecebre so beneficia intereses de empresas privadas, os do titular da central de Meirama e os da titular do aproveitamento hidroeléctrico de Cecebre. Tal e como denunciaron os nosos parlamentarios dende o Grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, os silencios e as mentiras de Augas de Galicia na súa comparecencia ante a Comisión de Medio Ambiente, só teñen o obxectivo de eludir dar resposta á decisión inxustificable de executar esta obra.

Esquerda Unida convida ao Concello a atender ás recomendacións do Plan Auga  que desbotaba a alternativa do transvase de Meirama como primeira opción, así o Plan de Abastecemento de Galicia propuña como alternativa principal para mellorar o abastecemento, a utilización dos embalses de Vilagudín e Vilasenín. Máis o goberno municipal, pensando nos intereses económicos “dos seus”, prefire acometer unha infraestrutura tan custosa como innecesaria que ademais terá o custo engadido de a depuración das augas ácidas e cargadas en metais pesados provenientes da mina de Meirama. Tal e como agora asegura a concellería de medio ambiente para acalar a alarma social provocada tras coñecerse que as augas superan os niveis de Níquel. Unha información que demostra os enganos e manipulación do PP que afirmaba que existían centos de analíticas que avalaban a calidade da auga empozada na antiga mina, logo das denuncias de EU e as iniciativas presentadas por AGE a instancias do noso grupo municipal.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal está a facer caixa no ano e medio que lle queda de mandato sabedor que perderá as vindeiras eleccións, así, de maneira infame, vende a saúde dos coruñeses e coruñesas por un puñado de euros”.

César Santiso subliñou que “é preocupante saber que o Goberno municipal está disposto a empeorar a calidade da auga da cidade por un transvase que os técnicos nunca estimaron necesario. Non se trata unicamente do alto custe económico da obra, trátase de que o transvase pode repercutir negativamente na saúde da veciñanza”.

Relacionados