A europa-fortaleza soterra os principios da solidariedade internacional

 

 

A historia amosa moi ben como os límites administrativos non son quen de frear o espazo do encontro: así foi entre Galicia e Portugal durante toda a Idade Media desde que se consolida o desmembramento do que podería ter sido, quizais, un único país. Outra boa proba é dada pola presenza lingüística: os trazos expándense e así, por poñer un exemplo que coñezo ben, en Taramundi (Asturias) a lingua galega é ben empregada e recoñecida.

 

As persoas non cren nesas fronteiras administrativas. Pero, desde que nos lanzamos á voráxine neoliberal, esas fronteiras multiplicaron a súa forza de rexeitamento e se dotaron de medios físicos dignos de pasados de terror coma os da Inquisición. Así foi como na primeira década deste século XXI nos tiñamos que manifestar e tiñamos que loitar contra os valos de púas de Ceuta e Melilla que tinguían de sangue o espazo de encontro entre Europa e África.

 

Ou podíamos comprobar como a administración e o concepto securitario-policial de fronteira converteron ao Mar Mediterráneo nun inferno na terra, nun monstro que abre a boca para tragarse milleiros de vidas e proxectos en vez de ser un mar para o encontro cultural e comercial.

 

Non contentos con elaborar unha Directiva de Retorno, bautizada polas persoas non alienadas, como Directiva da Vergoña, non contentos con desenvolver unha policía de fronteiras (FRONTEX), non contentos con ningunear aos Dereitos Humanos, non contentos con establecer leis que son puro racismo institucional, Europa mercadea con diñeiro vidas humanas.

 

Así enténdense os Centros de Internamento para Estranxeiros espallados no Norte de África pagados con diñeiro Europeo; así entendemos a anunciada creación dun muro de 12,5 km en Grecia; non abraia entón a permisividade para coa ignominia da muralla que destrúe a dignidade da poboación palestina.

 

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo ten por diante a inxente tarefa de defender o que ninguén quere defender. E os pobos de Europa temos a obriga de voltar ás fronteiras relacionais. Non existen persoas ilegais. E se hai que falar de ilegalidade, non hai maior ilegalidade que utilizar África como vertedoiro de Europa, seguir cos procesos de colonización encoberta e desbaldir o continente dos seus recursos primarios.

Relacionados