A nova lei do solo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia o perigo que supón a nova Lei do Solo que pretende sacar adiante o Partido Popular na Xunta de Galicia nunha clara aposta pola especulación urbanística volvendo á burbulla inmobiliaria beneficiando unha vez máis aos grandes promotores a costa do interese social e acabando coa personalidade do noso país. Os deputados Juan Manuel Fajardo e Antón Sánchez alertaron dos graves riscos para o noso territorio que suporía a aprobación do proxecto de lei do Solo presentado polo goberno galego e que inicia a súa tramitación parlamentaria. “Con este texto o PP deixa de manifesto unha vez mais que é un partido sen iniciativa que volve aos erros de sempre insistindo na burbulla urbanística e a especulación” lamentou o deputado Juan Manuel Fajardo que asegurou que “o Partido Popular compórtase como un ‘yonki’ da especulación urbanística ao que lle resulta imposible desengancharse”.

Con esta norma todo o territorio galego convertese en terreo a espoliar por aqueles que dispoñan de recursos económicos buscando o máximo beneficio para os promotores en a costa dos dereitos e interese xeral xa que entre outras moitas cousas eliminan a reserva mínima de solo para zonas verdes, infraestruturas sociais ou servizos básicos. O actual proxecto de lei do Solo ofrece posibilidades infinitas para os especuladores privados como a eliminación dos prazos de desenvolvemento o que se traduce en que un promotor pode expropiar un terreo sen levar a cabo actuación algunha no mesmo e manter unha bolsa de chan sen uso e sacala a mercado cando a situación sexa mais beneficiosa para os seus intereses.

Alternativa Galega de Esquerda destaca a necesidade de apostar pola rehabilitación e conservación do construído algo que queda totalmente esquecido no texto presentado polo goberno galego potenciando o crecemento urbano fora da marxe das cidades xa que é mais barato construír en solo rústico que rehabilitar o existente. “Mentres no resto de Europa apoiase a rehabilitación e conservación, o Partido Popular quere converter Galicia nunha excepción continuando cun modelo insostible que nos devolve a un pasado que non deberíamos repetir” afirmou Antón Sánchez.

As consecuencias que a aprobación desta norma tería para o rural forib especialmente destacadas polo deputado Antón Sánchez que alertou da situación de “absoluta desprotección” na que quedaría. Elimínase o solo de protección agropecuaria e forestal, permítese calquera tipo de actividade extractiva en todo tipo de solo rústico, elimínase a protección paisaxística, redúcese a calidade de vida entre outras moitas cuestións que afondarían aínda máis a xa de por si grave situación do rural galego deixando en evidencia a falsidade do discurso do goberno galego que di defender e apostar polo rural mentres que os seus actos como se pode comprobar van no camiño totalmente oposto.

Alternativa Galega de Esquerda anunciou xa a súa rotunda oposición ao actual texto do proxecto de lei do Solo do PP que non é máis que un claro retroceso ata a Lei de solo de Aznar de 1998 que provocou o estalido da burbulla inmobiliaria. Para o seu trámite parlamentario o grupo de AGE solicitará a comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e a secretaria xeral de Urbanismo, Encarna Rivas, para que “polo menos” expliquen cales son os motivos que xustifican a elaboración desta nova lei do Solo (a cuarta que o Partido Popular leva adiante en Galicia) e que non aparecen nin sequera recollido no proxecto de lei presentado polo goberno galego.

Así mesmo, AGE manifestará a súa intención de dar participación diversos colectivos sociais no plan de traballo que se aprobará mañá no Parlamento de Galicia para dar voz a organizacións agrarias, colectivos ecoloxistas, entidades en defensa das rías, colectivos contra a minaría, ou expertos en participación que permitan que a cidadanía teña un papel activo e real na planificación dos planeamentos do territorio.

Relacionados