A política como espectáculo

Viven diso: da política como espectáculo .Dous meses despois da actuación musical do piquete antisindical do PP en Madrid e catorce da promesa ,en campaña electoral, de Feijoo de traer un contrato para a construción de corenta buques , volven os señores presidente e alcalde a facer outra das súas:unha visita, caracterizada por fontes oficiais como “privada”, realmente ás escondidas a Navantia e o concello ,sen entrevista cos representantes dos traballadores, con masiva presenza policial no concello a conta do erario público etc; un espectáculo propio de xente frívola e acomodaticia, unha vergoña para a cidadanía de Ferrolterra, tal e como diciamos tanto no outono do 2012 como no outono do 2013.

A cidadanía e os traballadores de Ferrol están fartas de esixir carga de traballo, é dicir, convenios dos que se poda dicir que se materializa a recuperación industrial da comarca, non unha mera adxudicación dun flotel, necesario pero insuficiente e ,desde logo, sin marxe para fachendear de que comece unha solución para solventar os problemas do sector naval público galego.

Despois de que onte no Parlamento de Galicia, e con motivo dunha interpelación sobre o suposto plan de “viabilidade” de Navantia, se repetise por enésima vez a escena dun grupo parlamentar e goberno do PP agochados tras unha enorme operación de marketing  que disimula unha escura operación comercial que xa denunciamos no momento das negociacións para a venda de Barreras a PMI, tendo en conta a situación da comarca  ,en concreto da situación dramática da industria auxiliar do naval, con continuos EREs e despedimentos en comandita coa dirección de Navantia, Esquerda Unida considera un insulto aos traballadores, aos desempregados e desempregadas e á cidadanía en xeral, que a visita do presidente da Xunta se produza con tan pouca cousa no haber do goberno de Galicia pero con tanto cinismo e irresponsabilidade dando ,desgraciadamente, exemplo de gobernantes sen compromiso coas súas promesas e programas.

A crítica situación do sector naval de Ferrolterra e, por extensión, de toda a comarca, esixe respostas unitarias. As falsas promesas,as mentiras  e  as operacións de cosmética política do Partido Popular  non poden enmascarar a inacción dos  protagonistas e responsables da crise e do desemprego masivo,  dúas caras da mesma moeda e que fan contexto coa acomodaticia falta de defensa perante a Unión Europea da nosa industria e das nosas capacidades. Unha irresponsabilidade manifesta.

Esquerda Unida está disposta a coller o facho da responsabilidade xunto coas organizacións sindicais e os movementos sociais e, ademais de traballar no terreo político a través da presentación de iniciativas, interpelacións e mocións na procura de carga de traballo real e investimento público na construción dun dique flotante, animar e manter as mobilizacións e estar ao carón dos traballadores e traballadoras do sector, da clase obreira galega, porque nós mesmos somos obreiros e obreiras, non somos elites, somos pobo  traballador.

Relacionados