yolandadiaz.jpg - 7.61 Kb

A que chamamos democracia

E non se cumpre porque temos un sistema electoral blindado para producir un bipartidismo imperfecto, que garanta e salvagarde os intereses dos que posúen o capital, os que causaron a crise e aínda por riba estanse a beneficiar dela. Quérese que haxa nas institucións políticas organizacións políticas dóciles, obedientes aos intereses do capital e da malfadada razón de Estado e para iso non lles doen prendas de ferir a cerna da democracia.

 

 

Hai ben pouco emitiu o Consello de Estado un ditame sobre a reforma da lei electoral que mereceu a negativa das forzas políticas do sistema, conscientes da inxustiza mais dispostas a perpetuala no seu beneficio. PP e PSOE coa compracencia das expresións políticas das burguesías nacionais vasca e catalá ignoraron as razóns do Consello de Estado, en boa medida coincidentes coa análise de Esquerda Unida; razóns nas que avoga por unha reforma da devandita lei. E coido que ninguén gardará sospeitas acerca da cercanía entre o Consello de Estado e Esquerda Unida.

No noso país na lexislatura anterior, Esquerda Unida presentou no Parlamento galego unha proposta de modificación da lei electoral, que en boa medida tentaba restaurar unha meirande proporcionalidade no voto e achegármonos a esa vella e radical fórmula democrática, unha persoa un voto. Tentábase alomenos restaurar a norma que cambiara Fraga sen consenso e coa feroz e merecida crítica da oposición de entón (PSOEBNG). Proposta de reforma que o Goberno de dous (PSOEBNG ) tamén ignorou, sen razoar a súa negativa e atrincheirado no silencio dunha conta mesquiña, a dos seus intereses inmediatos, e obviando que a riqueza e pluralidade social do noso país é abondo maior que a que senta no Hórreo e debe ter representación na sede do poder político galego senón queremos seguir a bastardear o réxime democrático. Proposta que superaba a discriminación do valor dos sufraxios segundo a provincia onde se emitiran e extremando as garantías para evitar un uso partidista dos medios de comunicación e reducindo o gasto electoral.

Neste país votan até os mortos no CERA, votamos abafados pola propaganda política dos partidos do turno, votamos malia as abouxadoras diferenzas en canto a recursos económicos e presenza nuns medios de comunicación que apenas disimulan as súas interesadas preferenzas, votamos en demasiados casos cun arrecendo clientelar, votamos a pesares do circo das campañas onde os partidos de turno sobreactúan para disimular a cercanía pegañenta dos seus programas económicos e a súa implicación nun único proxecto político restauracionista, obediente aos intereses do capital e contrario aos nosos intereses como traballadoras e traballadores dunha nación chamada Galicia.

A pesares deste panorama, nós imos seguir a traballar arreo para reformar a lei electoral e correxir as desviacións maioritarias da actual lexislación: solventar a flagrante disparidade entre os votos acadados e os escanos obtidos, que para Esquerda Unida supón que pasamos de sermos a terceira forza política a somentes ter dous deputados cun millón de sufraxios.

Que non haxa vontade algunha de corrixir este escándalo antidemocrático non deixa de reflectir no eido máis estrutural o carácter máis regresivo do papel histórico que desenvolven hoxendía as burguesías cuxos intereses defenden Feijóo en Compostela e Zapatero en Madrid, que non son quen xa de cumprir co seu propio horizonte lexitimatorio ideolóxico. Se enriquecen contra as necesidades das poboacións que conformamos o Estado, dimitidas xa de procurar un proxecto social inclusivo e apenas interesadas en safar os seus e manter unha ficticia paz social (agora se vén de inventar a fórmula novedosa da privatización mediante a militarización do servizo).

Agochar que o rei vai espido é sinal de obediencia e submisión. Esquerda Unida ten a determinación de denunciar os silencios e complicidades que fundan os privilexios dos poderosos, dos banqueiros, das grandes empresas, da monarquías, da igrexa, etcétera, e supoño que esa é a razón –non explicitada polos que mandan– para tentar agochar a voz nosa como a doutras organizacións que expresan o sentir político dunha parte do país.

Témonos que interrogar acerca de que democracia queremos: se unha que nos violente como sociadade, forzando a pluralidade política e social no leito de Procusto dunha lei electoral inxusta e antidemocrática, ou se traballamos todas as forzas políticas de esquerdas por producir un novo marco político e electoral que garanta o respecto e a representación desa pluralidade que é unha riqueza para a nosa sociedade, non un lastre. A pluralidade política, social e cultural só incomoda ao capital e os partidos políticos (se chamen como se chamen) que defenden os intereses deste. O carácter democrático do noso sistema político está en entredito, porque ou é democrático ou non o é, non hai outra.

Relacionados