Xabier Ron instará ao Parlamento a lograr a titularidade e a xestión “plenamente pública” do Dolme de Dombate

“Se hai un monumento patrimonial en Galicia que mereza a máxima consideración social, legal e cultural é, sen dúbida, o Dolme de Dombate. Este dolme é agora mesmo de titularidade provincial e, sabemos, que se está xestionando co Concello de Cabana de Bergantiños a través de convenios que establece esta deputación, dona do ben dende 1975”, apunta o deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida Xabier Ron.

“Deixando de lado evidencias que demostran que un concello pequeno non pode contar cos recursos suficientes para manter como se merece un ben de dimensión internacional como é o Dolme de Dombate pois consideramos que o máis acaído é que a titularidade e a xestión plenamente públicas sexan da Xunta de Galicia e que, loxicamente, ela estableza os convenios de cooperación oportunos co Concello de Cabana de Bergantiños”, demanda Xabier Ron.

Deste modo, con esta iniciativa, presentada mediante Alternativa Galega de  Esquerda (AGE), entendemos que “un Ben de Interese  Cultural de incomparable  beleza patrimonial debe pertencer á Xunta de Galicia quen, a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, debe  encargarse  de  salvagardar,  protexer, dar a coñecer e velar pola integridade  do  patrimonio  cultural  galego”.  Sexa como for, “o  Dolme  de  Dombate é un ben sobranceiro, de valor incalculable e único para todas as galegas e galegos”, remata o deputado.

Relacionados