Advertencia a Castiñeira

 

 

 

EU quere lembrar a Castiñeira que as recalificacións no entorno do campo de golf están sendo investigadas por un xulgado lucense, e que é perigoso seguir apoiándoas cando existen indicios de posibles delitos de tráfico de influencias, prevaricación e cohecho. As investigacións céntranse na responsabilidade de membros do goberno, pero a existencia dun comisionista que fixo xestións coas institucións e partidos non exclúe aos membros da oposición. Neste sentido, EU pregúntase se o suposto cobro de máis de 690.000 euros de comisión recibidos polo cuñado da Delegada de Urbanismo se destinou para beneficio propio ou ben serviu para algo máis, punto que debe determinar a xustiza.

 

Lembrar que Castiñeira participou nas negociacións do PXOM como responsable de Urbanismo polo seu partido. Ademáis, destacar que pola súa profesión é coñecedor da Lei do Solo e debe coñecer a imposibilidade legal de recalificar terreos que deben constar como rústicos, especialmente se albergan especies forestais autóctonas.

 

As declaracións de Castiñeira non son novas. Xa aseguraba en outubro de 2009 que a Xunta aprobaría definitivamente o PXOM sen atrancos e sen embargo o informe da Consellería de Ordenación do Territorio ¿? e Medio Ambiente sobre o PXOM foi claramente negativo. Dito informe especificaba que non constaba xustificación para as máis de 26 recalificacións de solo rústico a solo urbanizable, entre elas as de Fixós.

 

Para EU, o PSOE e PP votaron a favor dun PXOM deseñado á carta para garantir os intereses económicos dalgúns concelleiros e exconcelleiros, así como os dos constructores e promotores afíns aos seus respectivos partidos. Agora María Novo e Castiñeira negocian conxuntamente coa Xunta para intentar salvar o PXOM e non quedar en evidencia cos poderes económicos da cidade. Pero hai que destacar que se o informe da Xunta volve ser negativo, nin Novo nin Castiñeira poderán xustificar as recalificacións e deberán asumir, cando menos, a súa responsabilidade política no asunto.

 

O asunto relacionado coa recalificación de terreos en Fixós constitúe unha burda imitación do humor dos irmáns Marx, na que Orozco e Castiñeira interpretan un guión de frases surrealistas e Bao representa o papel de mudo. Orozco e Castiñeira eluden a cuestión de fondo: a ilegalidade das recalificacións por non axustarse á Lei do Solo. O alcalde amenaza aos que o acusan e só di obviedades asegurando que colaborará coa xustiza. ¿E que acaso pode facer outra cousa cando a xustiza lle require documentación? Bao, a pesar de que a delegada de urbanismo, o alcalde, o candidato do PP e o presidente do clube de golf implican ao BNG, “non sabe, non contesta”.

 

No fondo desta e outras cuestións, un tema que todos eluden e do que ninguén quere falar: a corrupción política.

 

 

 

Relacionados