Agasallo de Negreira a Fenosa

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal agasalla a Fenosa con obras gratis e terreo público. Tomando como escusa as obras proxectadas para dotar a rúa Galileo Galilei dunha rotonda, o goberno municipal costeará tamén a construción dun novo centro de transformación eléctrica que logo cederá gratuitamente a Fenosa con terreo público incluído. A cambio a empresa cede o antigo centro de transformación, totalmente desfasado e que a eléctrica xa tiña previsto actualizar debido a que así podería aumentar a súa venta de enerxía e ampliar contratos.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno municipal que deixe de dar trato de favor ás grandes empresas. A calquera veciño cun inmoble expropiaríaselle sen máis, pero ao ser unha gran empresa establécese un convenio de favor: a cambio de un centro de transformación antigo e de potencia limitada o concello costéalles un novo de potencia folgada con tramos de liña de entrada e saída ao centro de alta capacidade. Todo segundo normas e prezos establecidos pola propia Unión Fenosa e con obras executadas por empresas construtoras do grupo ou homologadas por ela ao prezo que ela decide.

A renovación das liñas eléctricas é unha obriga das compañías, pero aducindo perdas conseguen subvencións do ministerio de industria, deputacións ou comunidades autónomas para realizalas. Cando esa actualización é perfectamente rendible, como no caso do Polígono da Grela, a implicación do goberno municipal co agasallo de obras e terreos é aínda máis sangrante.

O voceiro de EU-V, César Santiso, denuncia que “dende fai anos as grandes empresas sempre impoñen os seus intereses co consentimento do concello, en prexuízo e á conta do contribuínte e recortes en dereitos sociais. O valor do centro de transformación e as contías do valor das liñas non son grandes partidas para o Concello, pero como sociedade non podemos transixir que se tire o diñeiro público unha e outra vez, lamentablemente a suma desas pequenas cifras remata por ser unha gran estafa de eléctricas e gobernos.”

 

Relacionados