Agosto demostra que a pobreza laboral e a temporalidade, presente no 94% dos contratos, chegaron para quedarse

A pesar de que o PP vende triunfalmente os últimos datos do paro coñecidos esta mañá que, segundo afirman, revelan “unha menor caída do emprego”, especialmente en Galicia, —que mantén o pulo e uns números similares ao mes pasado debido aos postos impulsados polo turismo e o verán—, dende Esquerda Unida vemos con moita preocupación como a precariedade e a temporalidade chegaron para quedarse.

Durante o mes de agosto, en Galicia se asinaron preto de 96.000 contratos. Destes, 90.305 (o 94,3%) foron temporais, polo que tan só o 5,7% foron contratos indefinidos. En canto ao descenso do paro por sectores, os datos advirten dunha tendencia que podería empeorar nos vindeiros meses xa que o  desemprego rexistrado tan só descendeu no sector servizos.

Nestes últimos anos, as galegas e os galegos asistimos a un empobrecemento total da clase traballadora. A modalidade contractual precaria, de menos horas, temporal e inestable afecta ao 94% dos novos contratos. O salario que perciben as e os traballadores, en xeral, é decrecente e escaso, ademais, un 15% de persoas que traballan na nosa comunidade son pobres. En referencia ao tipo de relación que se establece coa patronal, ascenden os falsos autónomos dentro dun contexto social no que máis de 700.000 persoas viven en risco de exclusión social.

Dende Esquerda Unida sinalamos que o mercado laboral galego segue a manifestar a súa problemática de fondo: a creación de novos empregos é moi irregular e traballar non é sinónimo de vivir dignamente. Así, estas cifras mostran a incapacidade do modelo de goberno implantado por Feijóo á hora de garantir os dereitos dunha clase traballadora cada vez máis precarizada e afectada pola drástica redución da súa calidade de vida.

Relacionados