ALEAS-EU colabora co Informe do Valedor do Pobo

Noel Dopazo, co-coordinador da Área de elaboración colectiva ALEAS-EU, destaca que “avanzar nos aspectos aínda problemáticos é unha responsabilidade de todos e todas, como tamén é fundamental que as institucións escoiten as demandas do colectivos que representan ás persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais da nosa comunidade”. Neste senso, Dopazo denuncia que “agora demostrouse, como vimos denunciando, que a Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación de persoas LGTBI en Galicia, posta en marcha polo goberno do PP, era unha campaña publicitaria que quedou en papel mollado, posto que non se están utilizando os poucos contidos aproveitables que ten”.

En referencia a isto, o co-coordinador da Área de ALEAS-EU denuncia tamén que dende o grupo ven con preocupación que “a Xunta parece querer criminalizar ás persoas que practican sexo libremente, en vez de adoptar medidas reais contra os contaxios de VIH”.

Demandas tan básicas como a necesidade de educar na diversidade e formar ao profesorado, ao alumnado e mesmo ás familias para previr o bullying homofóbico, concretamente ao grupo dos menores transexuais escolarizados, eran algunhas das moitas peticións que recollía este documento.

Segundo o informe do Valedor do Pobo, as peticións tamén fanse extensivas ao ámbito sanitario, onde se considera necesario formar aos profesionais para garantir unha atención máis especializada a estas persoas ou facer máis fácil, por outra banda, o acceso de mulleres lesbianas ou mulleres sen parella a programas públicos de reprodución asistida.

Dende Esquerda Unida pensamos que este informe é un pequeno avance, pero un avance, no camiño da loita contra a discriminación deste colectivo, aínda que non podemos pensar que vivimos nunha igualdade real. Hoxe seguimos sufrindo agresións cara ao colectivo LGTBI, vemos como estas van en aumento en cada ámbito da vida: escola, traballo, espazos públicos… Segundo o último informe do Ministerio do Interior, o 40% dos delitos de odio do 2014 foron causados por orientación sexual ou identidade de xénero, unha lacra coa que temos que loitar diariamente.

Relacionados