ALEAS-EU presenta a campaña do Orgullo 2016 reivindicando a loita cara a consecución dos dereitos LGTBI

Esta mañá Eva Solla, vicevoceira de AGE e membro da dirección de EU, xunto con Noel Dopazo, coordinador da área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), ofreceron en Compostela unha rolda de prensa co motivo da presentación da campaña do Orgullo LGTBI 2016, co título: “Unidas somos máis fortes, unidas venceremos”. O punto forte da campaña é a presentación dunha moción para levar aos concellos que recolle puntos fundamentais tales como a loita contra a LGTBIfobia e a condena á violencia cara a este colectivo, camiñando á consecución dos dereitos LGTBI.

En palabras de Noel Dopazo, “para acadar a ansiada igualdade real, que se leva esixindo desde as revoltas de Stonewall, é necesario responder de forma contundente desde as rúas e as institucións, unidas fronte un sistema heteropatriarcal que violenta e ataca a unha parte da poboación”. “Aínda que é moito o que se ten avanzado nestes anos, pensamos que é insuficiente. Por iso, dende Aleas EU facemos un chamamento en dous sentidos. Por un lado, insistimos na necesidade dun compromiso real institucional e que se traduza en políticas reais e, por outro, facemos un chamamento á unidade ao colectivo LGTBI”, sinala.

Pola súa banda, Eva Solla destaca que “tras dous anos da aprobación da Lei 2/2014 pola Igualdade de Trato e Non Discriminación a Gais, Lesbianas, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais en Galicia, aínda non temos sobre a mesa ningunha medida que faga efectiva ese texto legal”. A seu xuízo, “a lei queda coxa en materias como a falta de protocolos de actuación en materias de educación e sanidade e aínda fican moitas ferramentas a desenvolver”. Eva Solla tamén falou sobre a campaña que se puxera en marcha chamada “Eu Respecto”, “moi insuficiente e sen ningún tipo de pedagoxía ou información sobre o que é a diversidade sexual”.

 

Apoio a Laura Bugalho

Finalmente, Eva Solla e Noel Dopazo coincidiron en chamar á participación na concentración convocada a petición da defensa da activista LGTBI e sindicalista da CIG Laura Bugalho, e secundada  por diversas organizacións, colectivos e movementos sociais, que terá lugar o mesmo día do xuízo, mañá 7 de xuño ás 9 da mañá,  en Compostela, diante dos Xulgados de Fontiñas.

Laura Bugalho é unha coñecida activista do movemento trans galego, feminista e defensora dos dereitos humanos, ademais de adicarse profesionalmente ás persoas migrantes que acudían ao Departamento de Migración do sindicato CiG (Confederación Intersindical Galego). O seu activismo en Liberdades Sexuais foi recoñecido no 2011 co premio Nicolás Salmerón.

É precisamente pola súa actividade, pola que a Fiscalía pide ata 8 anos de cadea por un presunto delito de falsidade documental e tráfico de persoas. Dende Esquerda Unida reclamamos a liberdade sen cargos para Laura Bugalho xa que defender ás persoas migrantes non é precisamente un delito, senón toda unha folla de ruta a seguir. Moitas Lauras precisa este país.

 

Relacionados