ALEAS-EU valora a campaña “Eu respecto” como insuficiente e carente de contidos en favor dunha normalización real da diversidade sexual

O Goberno da Xunta vén de presentar a campaña “Eu respecto”, a cal sería resultado da Lei pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais e Galicia, coa cal, segundo a Xunta, preténdese concienciar a toda a sociedade.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) valoramos esta campaña como “modesta e pouco efectiva, dado a súa ambigüidade e falta de contidos”. “Non basta con 5.000 carteis repartidos entre os centros educativos para concienciar a toda a sociedade e non se pode dicir que estes conciencien cando só se limita a falar de respectar (non destaca ás persoas LGTBI nin á diversidade sexual en xeral, nin fala de integración ou de loitar contar a discriminación) e cando, ademais, só destaca por ter un forte carácter técnico”, explica o coordinador da Área, Noel Dopazo Vázquez.

“No seu momento xa criticamos e denunciamos que a Lei aprobada no Parlamento Galego era ambigua na súa redacción e quedaba baleira de contido tras as emendas do PP, o que hoxe trae como consecuencia a creación de campañas de dubidosa utilidade para o suposto fin que teñen. Unha vez máis vese a necesidade de reformar esta Lei para dotala de contidos e compromisos firmes”, sinala.

“Por outra banda, cabe considerar que xa pasaron dous anos dende a aprobación da Lei 2/2014 ata a publicación desta campaña, polo que esta, ademais, chega tarde e en pleno ano electoral, descubrindo un novo intento do PP de finxir interese polo colectivo LGTBI  in extremis para cubrir o expediente”, considera.

Segundo Noel Dopazo Vázquez, “precisamos políticas potentes e claras que busquen unha normalización efectiva da diversidade sexual no conxunto da sociedade, polo que esta campaña é insuficiente, xa que limítase a poñer a bandeira do colectivo LGTBI no cartel sen ningún tipo de pedagoxía ou información sobre o que é a diversidade sexual e tampouco busca explicar por que é algo negativo discriminar a ninguén pola súa orientación sexual”.

Dende ALEAS-EU prometen permanecer expectantes ante as futuras presentacións e aprobacións de novas políticas sobre diversidade sexual, como o protocolo sobre liberdade de identidade de xénero que a Xunta está a preparar, o cal solicitan de antemán que se atope “á altura” e “fuxa de estereotipos e de posicións binaristas”.

Relacionados