Anulación licencias municipais

Tal e como sinalaba EU con respecto ao auto de paralización da construción de edificios no Garañón (CS-5), esta tampouco será a última resolución xudicial sobre o urbanismo lucense senón o comezo dunha serie de sentenzas desfavorables para o Concello. De feito, as últimas comparecencias públicas da Delegada de Urbanismo, María Novo, son para anunciar a presentación de recursos ou para xustificar actuacións en base a supostos erros para defenderse de diversas acusacións.

 

 As recentes resolucións xudiciais como a sentencia sobre a expropiación de terreos en rúa Armórica, o auto de paralización de obras no Garañón e agora República Arxentina contemplan ademais a existencia de delitos como desviación de poder ou prevaricación urbanística que poden incluír responsabilidades penais dos principais responsables municipais, especialmente o alcalde, a delegada de urbanismo e algúns técnicos municipais. No caso de República Arxentina, o contencioso plantea unha cuestión de ilegalidade diante do Tribunal Superior de Xustiza contra o estudio de detalle aprobado polo Concello.

 EU quere sinalar a grave irresponsabilidade do goberno municipal coas súas actuacións en materia de urbanismo polo prexuízo que causa á cidadanía lucense en xeral e aos veciños dos edificios afectados, en particular. Neste sentido, EU desexa que se garantan os dereitos dos veciños prexudicados polas actuacións ilícitas do goberno municipal, único responsable da situación xerada en República Arxentina nº8. 

Destacar a importancia do auto de paralización do Garañón antes de estar habitados os edificios para que non se produzan situacións complicadas como a presente.

EU quere deixar ben claro que o PXOM que PSOE e PP queren aprobar na cidade de Lugo vai ter na xustiza o seu principal obstáculo. Estamos ante un anticipo das responsabilidades xudiciais que agardan aos que aprobaron provisionalmente o PXOM en 2009 e pretenden ratificalo en 2010, porque as súas actuacións arbitrarias, clientelares e interesadas xa non saen de balde.

Lugo, 17 de decembro de 2010

Relacionados