Apoio ao detido de Navantia en Ferrol

Segundo Javier Galán esta detención non é máis que a consecuencia directa das posicións antidemocráticas sostidas polo Partido Popular no Pleno do Concello, quen deu orde de non abrir as portas, expoñendo tanto á policía local como a xente alí congregada en protesta pacífica, a tumultos e conflitos, como así aconteceu. A solución non é a represión.

A xestión de José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol, que non percibe un problema acuciante na realidade social da cidade e si na súa ornamentación, exaspera á poboación ferrolá, que nun alarde de civismo e democracia, acude á casa de todos os ferroláns e ferrolás a amosar a súa desesperación, esixindo, dende un comportamento pacífico, un cambio de políticas que permitan un futuro de emprego e benestar para unha comarca que se afunde.

O concelleiro Suso Basterrechea amosa a súa solidariedade co traballador detido e comparte a valentía do cadro de persoal de Navantia, quen non dubidou en dar apoio unánime a quen foi escollido como chibo expiatorio dun conflito que tan só ten un responsable real: O Alcalde de Ferrol.

Javier Galán, voceiro do grupo municipal, manifesta que espera que estes incidentes non se volvan repetir e, para iso, que dende o goberno municipal se teña a intelixencia suficiente para mostrar respecto e solidariedade co conxunto da cidadanía, que se ben está sumida nunha situación límite ten un  forte convencemento democrático, que non deriva en violencia nin estalido social, senón na protesta lexítima que o noso alcalde non sabe dixerir nin xestionar, máis preocupado no desgaste electoral que nos problemas da xente.

 

O Consello Local de EU seguirá loitando por unha alternativa ás políticas austericidas, con todos os medios e todas as forzas, para evitar o sufrimento e a marxinalidade a que nos condena o Partido Popular, e ve máis xustificación aínda para a Folga Comarcal do vindeiro día 12.

Relacionados