Apoio traballadoras Conxo-Fontiñas

Esiximos que a empresa concesionaria CLECE cambie a súa despótica actitude, e cumpra co deber de escoitar e dialogar cos sindicatos que representan as traballadoras despedidas. Tamén demandamos ao Concello que non fique impasible e interceda en defensa dos dereitos laborais das mulleres despedidas, e procure acadar un acordo que satisfaga as súas xustas reclamacións.

Como xa ocorrera con URBASER, estamos ante unha nova mostra da perda de dereitos laborais e sociais, que para as traballadoras e traballadores, supón a nefasta privatización de servizos que, sempre, deberon ser de titularidade e xestión pública.

En xaneiro xa fixeramos un comunicado mostrando a nosa oposición ao anuncio feito polo goberno local do PP de perpetuar a xestión privada das garderías de Conxo e Fontiñas, que ata ese momento era levada a cabo por Sermasa. Unha vez máis a realidade mostra que tiñamos a razón, unha empresa privada que só busca o lucro non pode xestionar os servizos públicos que a cidadanía demanda.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende e loita para que sexan as Administracións Públicas as que presten, con calidade e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública para satisfacer as demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.

Defendemos, como sempre, que a xestión pública si que beneficia á maioría social, abafada con recortes, tanto laborais como sociais nesta crise-estafa que padecemos, sendo esta xestión a que garante a redistribución da riqueza nos servizos necesarios para ter unha sociedade xusta e igualitaria promovendo, ademais, condicións laborais xustas, tanto en dereitos como en remuneración para os empregados públicos que levan a cabo o traballo nestes servizos.

Para o Consello Comarcal de EU Compostela coa remunicipalización, e a implantación de mecanismos de control cidadá nos órganos de xestión dos servizos municipais, evitaremos que, coa xustificación da privatización, aparezan condutas antidemocráticas como prevaricación, subornos, tráfico de influencias, “enchufismo”, en definitiva, poderemos poñerlle fin ao clima de corrupción que se está apoderando do concello e que incrementa o grao de desconfianza da cidadanía cara aos seus representantes políticos.

Relacionados