De resultas de reunión mantida onte coa directiva da asociación veciñal de Santa Mariña, a nosa organización vai formular nas vindeiras comisións informativas a reclamación con carácter urxente para que se proceda pola concellería de obras o seu inmediato arranxo.
A importancia deste arranxo reviste unha urxencia certa porque no entanto non se amañe non se poden desenvolver unha parte das actividades sociais que acolle esta entidade veciñal. Non se merece a veciñanza de Santa Mariña que estas pequenas obras, que tantos trastornos causan, non se resolvan con dilixencia, e favorezan desta maneira a un espazo central da sociabilidade da veciñanza.
Esquerda Unida compartiu coa asociación veciñal a crítica da inacción do Goberno Municipal para facer efectiva a moción aprobada a finais de 2008 para desmantelar a subestación eléctrica de Santa Mariña do seu actual emprazamento. Nestes case dous anos e medio nada se fixo para proceder o seu traslado. Non comezaron nen as conversas a tres bandas con Fenosa e coa Xunta. Unha vez máis as boas propostas que presentamos dende EU co apoio veciñal, que melloran a traza urbana do barrio e despexan os riscos para a saúde da súa veciñanza, restan pendentes pola parálise e incapacidade do Goberno.
En particular, a entidade veciñal e EU comparten a urxencia e importancia – e así llo reclaman ao Goberno Municipal – da realización do estudo epidemiolóxico previsto na moción presentada por nós e que fora aprobada polo Pleno. Estudo epidemiolóxico para analisar os posibles impactos na saúde pública da veciñanza do barrio e das zonas adxacentes derivadas do funcionamento da subestación eléctrica de Santa Mariña. Estudo necesario, que o Goberno non encarga, e que debería de servir para despexar dúbidas encol da influencia negativa sobre a saúde desta instalación.






