Bacharelato de Wert

 

Esta medida supón, ademais, establecer vías selectivas do alumnado antes de tempo,  xa que aos quince anos (se non antes) as e os adolescentes terán que optar por cursar bacharelato (a vía máis recoñecida socialmente), ou facer outro tipo de “curso-ponte” (do que aínda non sabemos nada), que supostamente conduciría cara a algún ciclo de grao medio de FP, ou cara a algún “itinerario-lixo” para enganchar, no mellor dos casos, con programas de iniciación profesional (sen cualificación recoñecida no mundo laboral), destinados ao alumnado que presente máis dificultades ou que, polos motivos que sexan, teña maiores necesidades educativas.

 

Esquerda Unida considera que o bacharelato de Wert segrega ao alumnado e potencia o ensino concertado, este enfoque da educación obrigatoria resulta claramente segregador e significa, como di a Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA), unha deixación na función que debe ter a escola de compensar as desigualdades individuais e colectivas, ao reducir o número de anos de escolarización común de todo o alumnado.

 

A executiva nacional de EU denuncia que a supresión do 4º curso da ESO para ampliar un ano máis o bacharelato é un novo pretexto para derivar máis recursos públicos ao ensino privado concertado. Efectivamente esta medida é un novo pretexto para seguir derivando recursos públicos cara á ensinanza privada, xa que encobre unha estratexia oculta para concertar todo o Bacharelato, aínda que non sexa unha etapa obrigatoria. En efecto, con esta proposta ministerial o primeiro curso de Bacharelato cursaríase como último ano das actuais ensinanzas obrigatorias, polo que podería concertarse “con pleno dereito”. Ábrese así a vía para que os seguintes dous cursos de bacharelato teñan que concertarse tamén (aínda que non se declaren obrigatorios), polo que se acabaría concertando a etapa enteira, unha das vellas aspiracións da patronal da ensinanza privada concertada, coa que o PP semella coincidir plenamente. Isto suporía derivar centos de millóns de euros é rede privada concertada, en detrimento da educación pública, que está sendo sometida a severos recortes orzamentarios, a pesar do incremento do seu alumnado nos dous últimos cursos.

Esquerda Unida advirte tamén que esta medida sería un novo atentado contra a rede pública de centros educativos e que pode implicar a medio prazo –manifesto no caso dos CPI’s e certos IES- o peche de unidades ou Institutos enteiros, ao mesmo tempo que se amplían os concertos coa privada, reforzando así a tendencia dominante, aplicada polo PP aí onde goberna, de facer da educación pública unha rede subsidiaria, dirixida sobre todo aos sectores que contan con menos recursos e que teñen maiores necesidades educativas polas condicións sociais e culturais.

 

Se a proposta de Wert vai adiante, desde Esquerda Unida reclamamos que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia realice o traballo de informar con plena transparencia e diálogo –algo do que, até o de agora, careceu o noso conselleiro- como vai afectar aos cadros de persoal do profesorado e ao alumnado que, na actualidade, cursa a ESO nos CPI’s –que amais da Educación Infantil e Primaria, ofrecen a ESO- e nos IES –que só ofrecen a ESO-.

 

Esquerda Unida combaterá, con todos os medios ao seu alcance, este tipo de políticas por atentar contra a cohesión social, dado o seu carácter elitista e segregador do alumnado e por reforzar as tendencias privatizadoras do servizo público educativo, único garante do dereito universal á educación en condicións de igualdade e democracia.

Relacionados