Bergantiños e Cabana

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2012.- Os deputados Antón Sánchez e David Fernández, reuníronse con representantes dos grupos veciñais das localidades de Cabana de Bergantiños e Santa Comba contrarios aos proxectos mineiros de carácter metalífero que a empresa canadense Edgewater Exploration quere instalar nos seus municipios. No encontro tratáronse temas relativos aos problemas ambientais derivados destas e outras explotacións mineiras a ceo aberto proxectadas en todo o territorio, así como os impactos que podería traer o polémico desembarco do ‘fracking’ en terras galegas.
Dende a Plataforma ‘Salvemos Cabana’ valorouse moi positivamente a reunión, en canto consideran que neste momento “os plans de estractivismo a grande escala planeados pola Xunta rozan o absurdo” e poden ter “consecuencias desastrosas a nivel socioeconómico e ambiental”, polo que é fundamental que os representantes públicos estean implicados “ao máximo” na defensa da terra.
Pola súa banda, dende ‘Santa Comba Viva’ alertouse de que a elevada dispersión territorial dos municipios galegos e a súa interdependencia coas labores tradicionais non permiten este tipo de actividades de carácter non renovable, ao levar implícitos procesos altamente contaminantes que afectan ao mantemento saudable dos sistemas do aire, o solo e a auga que son fundamentais na sostibilidade das tarefas agrogandeiras que dende sempre foron o sinal de identidade de Galicia.

En ambos casos, dende as dúas plataformas sinalan que neste momento, “é fundamental redirixir o modelo de desenvolvemento e adaptalo á demanda europea de productos obtidos de xeito sustentable, para o cal os habitantes do medio rural galego, pola súa dilatada experiencia, serían os mellores cantidatos”.

Relacionados