Campaña visibilidade LGTBI

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) realizará ao longo do ano, diferentes actos de contido LGTBI en vilas do rural galego.

Nun contexto no que a sociedade está a sufrir un ataque constante aos seus dereitos, e en particular, no que o colectivo LGTBI está comezando a retroceder nas conquistas acadadas até agora, non podemos mais que seguir loitando para que, ademais de manter o logrado, poidamos seguir avanzando.

Así, un compromiso da loita pola normalización da diversidade sexual pasa pola loita contra a LGTBIfobia no mundo rural do país, contexto onde as personas gais, lesbianas, bisexuais, trans e intersexuais se atopan máis reprimidas e perseguidas que noutros espazos de maior tamaño e maior poboación.

É por isto polo que dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) impulsamos a Campaña “Na túa vila tamén se entende”, coa que non só se busca a nosa visibilización no rural galego, senón que ademais trátase de concienciar e informar ás persoas, tanto LGTBI como ao resto, de temáticas das que até agora a penas dispoñían de información neste contexto.

Desta maneira, ao longo de todo o ano, ALEAS-EU levará a cabo actos por vilas de todo o país tratando diferentes temáticas que teñen relación co colectivo, comezando esta mesma semana cun acto sobre Transexualidade o venres 14 no Centro Neural de Gondomar ás 20:00h, que contará coa importante presenza da activista trans Laura Bugalho.

Só co traballo intenso e comprometido poderemos mudar as cousas e acadar a igualdade real na sociedade. Na túa vila tamén se entende, faite ver!

Máis info. en: www.aleaseu.org aleas@esquerdaunida.org

Relacionados