Campus de Ferrol

Segundo Javier Galán, voceiro do grupo municipal de EU, a repentina noticia do convenio entre Xunta, UDC e Concello de Ferrol que deu lugar a un pleno extraordinario só pode ser considerada como un engano a cidadanía.

A construción dunha Residencia de Estudantes no antigo Centro de menores de Soutomaior, desmantelado e que deixou sen un servizo social imprescindible á cidade, un máis, é unha burla, toda vez que 600 metros cadrados de instalación e dezanove habitacións non poden, en ningún caso, dar servizo suficiente á poboación do Campus, ademais de estar afastado do núcleo de facultades, tendencia contraria a todas as cidades universitarias e ao sentido común, que este goberno subordina á prestidixitación electoralista .

Despois de anos de retraso, semellan desbotar a opción do Cuartel de Sánchez Aguilera, edificio semiderrubado e que ven de ser sancionado pola Inspección de Traballo, para, nun alarde de ineficacia, optar polo antigo centro de menores. Non basta con acordar construír unha residencia universitaria e publicitalo nos medios, con iso non se pode dar por feito o traballo: se se implementan unhas políticas, estas deben seguir o criterio de racionalización, eficacia e servizo real.

Por outra banda, o “futuro” e “hipotético” desenvolvemento dun subcampus de Sanidade no Hospital Novoa Santos non parece a política universitaria máis axeitada, cando cómpre desenvolver os que temos na actualidade, conseguir saídas laborais a través de becas, prácticas,… aos/ás estudantes das facultades das que dispón Ferrol, e dotar de servizos ao Campus de Esteiro. Compartimos a necesidade de potenciar o campus de Ferrol e os vínculos da cidade coa UDC, pero o certo é que as prioridades no día de hoxe son outras e pasan por outras áreas e outros espazos físicos ;non se poden, en fin, asinar acordos onde se ceden de balde terreos á Xunta, sen ter, a construción dun Campus de Sanidade no Hospital Novoa Santos, máis adxectivo e concreción que o futurible.

Para EU Ferrol a sinatura deste acordo supón a renuncia a políticas educativas consonantes coas necesidades da cidade: unha saída laboral para os/as universitarios/as, prazas suficientes en Residencias Universitarias para o corpo de estudantes de fóra de Ferrol, un tratamento global e cunha política planificada do Campus de Ferrol, máis alá de bombas de palenque que non son máis que fume populista.

Relacionados