lugo.gif - 5.75 Kb

Cando se fan mal as cousas…

Resulta de cegos, e completamente populista, afirmar que nunha cidade como Lugo, con preto de 100.000 habitantes e unha pirámide de poboación claramente envellecida, as escasas 94 prazas de centro de día xestionadas polo Concello cobren o 100% das demandas. Este feito deixa patente a pouca confianza que teñen as persoas afectadas por acceder a este tipo de dispositivos, o seu elevado custo, o pouco traballo de información desempeñado coas familias, e en especial un dato moi preocupante, a gran cantidade de persoas maiores que seguen ao coidado da súa familia sen asesoramento axeitado nin épocas de respiro.

Máis populista é a noticia referente á apertura de dúas gardarías municipais, curiosamente a escasos meses das eleccións municipais, gardarías que foron construídas con diñeiro público e que a continuación se cedeu a súa xestión a empresas privadas; gardarías que lonxe de ser gratuítas, teñen un elevado custo para os seus futuros usuarios. Realmente podemos pensar que unha persoa cunha renda de 490,81 € mensuais pode afrontar un gasto de 143,55 € ao mes? Este elevado custo, supuxo loxicamente unha escasa demanda, motivo polo que se tivo que ampliar o prazo de solicitude.

Estes son só dous exemplos dun problema que abrangue practicamente a toda a rede de servizos sociais: falta de prazas, falta de vontade política, escaseza presupostaria detrás de macroproxectos urbanísticos, tolerancia cara á mendicidade dos menores, ineficacia nas políticas de erradicación do chabolismo e un longo etc…

Os responsables destas políticas, deben formularse seriamente o porqué e a resposta é sinxela: as prazas son escasas, son caras e dificilmente accesibles. Isto desmotiva a xente a solicitalas, e acoden a iniciativas privadas que prosperan coa complicidade do goberno local en detrimento dos intereses da poboación en xeral.

Unha boa política social vén marcada, sen dúbida, por unha alta demanda, o que denota confianza no servizo, unha gratuidade neste, e por riba de todo, unha xestión pública.

Desde EU Lugo propoñemos un modelo de xestión dos servizos sociais, público e gratuíto, cun claro incremento dos actuais escasos presupostos, que permita cubrir a demanda real. Unha clara intervención dos corpos de seguridade en colaboración cos servizos sociais para erradicar a mendicidade infantil e a elaboración dun plan de erradicación do chabolismo baseado nas experiencias exitosas doutras cidades.

Relacionados