Casa de Acollida

As mulleres seguimos a ter menores salarios en iguais traballos, maior pobreza, menos oportunidades, máis precariedade laboral, menores taxas de actividade recoñecida, responsabilidade dos coidados a dependentes, e escasa representación nos órganos directivos empresariais e políticos. Mentres continúan os asasinatos, escoitamos declaracións de cargos públicos que desprestixian as leis contra a violencia machista, mantense a desprotección e a falta de medios para a independencia das mulleres maltratadas e ameazadas.

No 2007 en Compostela foi desmantelada a casa de acollida de mulleres vítimas de violencia machista, desgraciadamente non por falta de uso. As vítimas de violencia machista da cidade vense obrigadas a desprazarse ata a Coruña. Dende Esquerda Unida Compostela solicitouse en diversas ocasións a súa reapertura, incluíndose no programa das eleccións municipais do 2010.

No 2011 o Concello anuncia que se construirá o Centro de Recuperación Integral das Mulleres Vítimas da Violencia machista, onde as mulleres e as súas crianzas recibirán atención psicolóxica, social, xurídica e formativa. Mais este centro, nun principio, non realizará funcións de acollida. Durante a pre-campaña electoral dotaron de mobiliario o centro e anunciaron a súa pronta apertura. A día de hoxe continúa pechado, a pesar que, segundo informacións proporcionadas polo Concello, durante o ano 2012 en Santiago case 200 mulleres maltratadas demandaron axuda dos servizos públicos.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela reivindicamos que é responsabilidade do Concello fornecer os mecanismos necesarios para que as mulleres maltratadas se sintan seguras a hora de denunciar a situación que están a vivir, e que teñan os medios para superar esa situación.

ACORDOS:

Primeiro.- O Concello de Santiago abra o Centro de Recuperación Integral de Mulleres Vítimas de Violencia, onde se fornezan ás mulleres todos os mecanismos para librarse de, e superar, as situacións de abuso e violencia machista.

Segundo.- O Concello de Santiago habilite instalacións e os medios necesarios para acoller a mulleres e ás súas crianzas vítimas de violencia.

Relacionados