Esta decisión parece tratarse dun entrante á reforma da Lei de Bases de Réxime Local que pretende eliminar as competencias municipais en materia de servizos sociais o que suporía prescindir do cuarto piar sobre o que se sustenta o Estado do Benestar Social.
Esquerda Unida denuncia que a decisión de centralizar os servizos sociais incumpre a normativa vixente. Ademais, con esta medida estase a provocar unha excesiva carga de traballo nas auxiliares administrativas que colaboran coas traballadoras sociais. Se antes o ratio era dunha auxiliar por traballadora social, agora é dunha auxiliar para 7 ou 8 traballadoras sociais. Estas auxiliares están a desenvolver funcións “de filtro” que non lles corresponden e o levan a cabo en espazos abertos vulnerando a normativa vixente en materia de proteción de datos de carácter persoal.
Por outra banda, elimínanse os programas e proxectos que pretenden previr os problemas existentes por barrios. Estanse a fomentar servizos socias burocartizados e afastados da realidade dos veciños e por conseguinte das súas necesidades. Desprézanse as vantaxes do coñecemento sobre os problemas nos barrios que concede a proximidade dos traballadores sociais respecto dos usuarios.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos por servizos sociais descentralizados en barrios porque cunha correcta xestión en rede o grado de calidade e eficiencia é moi superior ao que se pode obter cun servizo centralizado, mais cando se trata de atención a persoas con problemas, falta de recursos e as veces dificultade de desprazamentopero”. Neste sentido, débense buscar formas de sumar e non restar, os servizos sociais deben entenderse non como un gasto pasivo a cargo da sociedade, se non como unha inversión produtiva para o cambio da sociedade. Así, a política social municipal debe dirixir os seus esforzos cara a prevención e orientarse cara as causas que provocan eses efectos.
Precisamente, no contexto actual de crise faise máis necesaria esta proximidade da atención social. O goberno municipal esgrime o aforro que se vai obter nas arcas municipais con esta medida, pero non ten en conta as implicacións sociais que teñen as súas decisións económicas, sobre todo para os que máis sofren esta crise. Asemade, o concelleiro de servizos sociais, Miguel Lorenzo, aseguraba que centralizando os servizos sociais se conseguía reducir as listas de espera. Nada máis lonxe da realidade, porque non só, non se reducirán, se non que se incrementarán. Agora as veciñas e veciños da cidade teñen que esperar de 1 a 2 meses para ter a primeira cita coa traballadora social.
O grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes preguntará oralmente no vindeiro pleno sobre a centralización dos servizos sociais, a redución de liñas ferroviarias e as medidas para paliar o drama humano das familias expropiadas no Ofimático.





