Chamada a Folga Xeral

A Executiva Nacional de Esquerda Unida quere manifestar de xeito público o noso máis amplo e decidido apoio á convocatoria de FOLGA XERAL efectuada polo sindicalismo de clase do noso país e do conxunto do Estado, na defensa dos dereitos das clases traballadoras e do conxunto da cidadanía, dereitos conquistados que son postos radicalmente en cuestión polo golpe de Estado laboral do PP e o cortello de recortes que se suceden cada consello de ministros.

 

Esquerda Unida fai un chamado a cidadanía para participar na FOLGA XERAL e nas diversas manifestacións que van percorrer as rúas do noso país esa xornada. As mulleres e homes de Esquerda Unida comprometen un traballo arreo para conquerir un seguimento masivo nunha xornada onde imos exercer os nosos dereitos democráticos e constitucionais a prol dunha sociedade onde o valor e intereses das clases traballadoras, as verdadeiras creadoras da riqueza social que sostén as nosas sociedades,  e os dereitos sociais sexan a primeira preocupación dos gobernantes.

 

Facilitar ate facer gratuíto e libre o despido co novo/vello contrato de formación, a redución de salarios e condicións de traballo que pode impor arbitrariamente o patrón, os descolgues dos convenios porque si, porque lle peta ao empresariado, o baleiramento da negociación colectiva que se recolle na Constitución, o mantemento do fraude na contratación e da economía mergullada son algúns dos chanzos sobresaíntes do golpe de Estado laboral do PP, que quere impor o programa de máximos da patronal. Os dereitos que nos queren roubar hoxe son froito das loitas de antano e esas loitas nos indican que facer: loitar de xeito unitario na defensa dos dereitos de case todas e todos nós, das persoas que vendemos a nosa forza de traballo en troques dun xornal.

 

Esquerda Unida acredita no valor democrático que para artellar a sociedade supón a laboura cotián do sindicalismo de clase, hoxendía demonizado de xeito interesado polos altofalantes mediáticos do capital. Acreditamos e imos compartir con eles na medida das nosas forzas as tarefas de divulgación e concienciación cidadá e nos piquetes informativos que na xornada de FOLGA XERAL van tentar defender os dereitos de millóns de traballadoras e traballadores coaccionados polo capital nas pequenas empresas do país.

 

Esquerda Unida é consciente da importancia fundamental que  supón para a clase traballadora gañar o día 29M, porque a vencedora desa loita serán os dereitos das traballadoras e traballadores que conformamos a cidadanía dunha sociedade que queremos libre e con dereitos, non baixo a tiranía do capital e o seu correlato de baixos salarios, precariedade laboral, desprotección social, feminización da pobreza e medo.

 

 

PORQUE OS DEREITOS SE GAÑAN NAS LOITAS COLECTIVAS E UNITARIAS

 

PORQUE OS DEREITOS FORMAN  PARTE DA CIDADANÍA DEMOCRÁTICA

 

PORQUE OS DEREITOS SON A SAÍDA SOCIAL E DE ESQUERDAS Á CRISE PROVOCADA POLO CAPITALISMO

 

PORQUE OS DEREITOS SE  EXERCEN PARA CONSTRUÍR UN PAÍS MÁIS XUSTO E IGUALITARIO

 

PARTICIPA: O 29 M, FOLGA XERAL

Relacionados