Charla defensa do ferrocarril público

A intención dos organizadores foi a de informar e xerar debate entre a cidadanía acerca do modelo ferroviario que se nos ven impoñendo dende hai anos. Na introducción por parte do responsable da Área de Medio Ambiente falouse de analizar con sentido crítico a política de transportes do Estado, obsesionada pola  creación de grandes infraestruturas (Alta Velocidade, Autovías, Aeroportos), e deixando nun segundo plano a sustentabilidade do sistema, as necesidades sociais, e a vertebración racional do territorio. Esta política prexudicou moi seriamente ao ferrocarril convencional, precisamente o medio de transporte mecanizado máis sostible, accesible, e con máis futuro.

Na primeira exposición, “Cegados polo AVE”, Cesáreo Villar Blanco, activista de ATTAC Madrid, desacreditou o proxecto español de “AVE para todos”. A alta velocidade ferroviaria en España foi concibida como un transporte para os negocios e para as grandes cidades; un medio que xenera gravísimos e irreversibles impactos ambientais, insolidario dende o punto de vista social e territorial e desastroso dende o punto de vista financeiro. A intención destas críticas non foi so divulgar o despropósito da alta velocidade española (algo que é sorprendentemente fácil), senón desenmascarar o que hai detrás destes proxectos megalómanos (electoralismo, especulación, e servilismo dos poderes públicos ante os intereses do gran capital). Este desenmascaramento servirá para “tonificar” á cidadanía  e promover á súa participación no deseño dun sistema de transporte sostible e democrático. Tanto na charla como no debate xurdiron varias propostas interesantes para reconducir un proxecto elitista e convertilo nun servizo público socialmente rendible.

A segunda exposición, “Propostas para un modelo de ferrocarril alternativo” estivo a cargo do Secretario Xeral do Sindicato Ferroviario da Confederación Intersindical, Francisco Rafael González Escudero. Este sindicato, un dos impulsores da Plataforma Salva o Tren, leva anos defendendo a necesidade dun tren social e divulgando ás súas indubidables vantaxes. Na súa exposición foi explicando o proceso de desmantelamento do tren como servizo público e a súa orientación cara ao negocio rendible, a privatización. Aportou casos prácticos e chamativos de cómo esa privatización non só supón un deterioro dos servizos aos cidadáns, senón que conleva custos económicos importantes de diñeiro público. Tamén no ferrocarril é evidente que o sistema neoliberal, obsesivo defensor da iniciativa privada, ten que ser subvencionado con cartos públicos. Explicou as propostas básicas do Sindicato Ferroviario para recuperar o ferrocarril público (renovación e reapertura de liñas, potenciación do transporte de mercancías, creación de núcleos de cercanías, democratización de tarifas…). E finalmente, respondendo ás dúbidas dos asistentes deixou unha idea ben clara: recuperar o ferrocarril e reparar os erros dos últimos anos non é un desafío técnico, senón político.

Esquerda Unida valorou moi positivamente os coñecementos que aportaron dúas organizacións con vontade de servizo público, como o Sindicato Ferroviario e Attac, no esforzo por defender un transporte marxinado pero imprescindible, o tren convencional.

Relacionados