Coches da alcaldía

 

Esquerda Unida considera que o devandito concurso representa un insulto a cidadanía coruñesa, ao tempo que supón unha nova constatación da prepotencia dun Goberno Municipal que vive de costas ás necesidades da cidadanía. O goberno coruñés non repara en custes de representación pero, con todo, está a reducir constantemente os custes de caracter social, cultural e os destinados a mocidade, como quedou demostrado co incumprimento da construcción do albergue xuvenil ou os recortes orzamentarios para o Noroeste Pop-Rock.

 

O Secretario de Organización nacional de Esquerda Unida, César Santiso, declarou sentirse indignado ante o prego de condicións do concurso público, e indicou que lle parece inaudito que un Goberno local poida malgastar de semellante maneira os cartos públicos que son froito do traballo de todas e todos.

 

César Santiso declarou que resulta inaceptable que o Goberno Local, que se di de esquerdas, realice semellante ostentación de poder e prepotencia. Máis aínda nos tempos que estamos a vivir, en medio da maior crise económica do sistema capitalista e cando se contan por milleiros as persoas que na nosa cidade necesitan axuda para poder sobrevivir e os comedores sociais da cidade atópanse desbordados.

 

Asemade, Santiso preguntouse si a necesidade de realizar 240 lavados anuais aos vehículos destinados a alcaldía ten que ver co cheiro de algún dos asuntos que  desenvolven os persoeiros que viaxan no seu interior, porque doutro xeito semella inconcibible que se necesite limpar un coche cada 36 horas.

 

Finalmente César Santiso indicou que “Esquerda Unida pula por unha radical redución dos custes de representación dos cargos públicos, xa que logo, son cargos elixidos polos cidadáns e cidadás e a súa misión e xestionar os bens públicos para mellorar a calidade de vida da cidadanía non “pavonearse” diante dela”. 

Relacionados