A prestación dos servizos complementarios nos centros escolares da rede pública adquire unha relevancia maior para conquerir que a escola pública sexa quen de cumprir coas actuais necesidades que demanda a nosa sociedade. Entre os servizos complementarios hai que salientar a importancia central dos comedores escolares na actual situación social. A prestación pública deste servizo adquire unha relevancia central no contexto dun mercado de traballo onde as nais e pais atopan extraordinarias dificultades para poder conciliar a vida laboral e a familiar, a causa do alongamento das xornadas laborais e a intensificación dos ritmos de traballo.
A nosa cidade vén padecendo un tratamento discriminatorio polas sucesivas consellarías de educación da Xunta de Galicia, as cales se resisten a facer cumprir á legalidade que atinxe aos comedores escolares no noso país. Discriminación que na nosa cidade enfrontamos co traballo exemplar da federación de anpas e ao través dunha partida orzamentaria da concellería de educación. Ben está, mais cómpre xa que Ferrol pase a contar cun tratamento semellante ao das outras cidades galegas e segundo se recolle na lexislación que rexe na nosa comunidade sobre esta cuestión.
O Decreto 10/2007, de 25 de xaneiro, que regulamenta o funcionamento dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellaría de educación, deixa ben as claras no seu artigo 2º, que recolle as modalidades de prestación de servizo, que este se prestará mediante xestión directa e que só de maneira excepcional a administración educativa recorrerá na xestión e organización do servizo cos concellos, deputacións ou outras institucións.
Esquerda Unida amosa a súa radical oposición diante das novas que indican a disposición privatizadora deste servizo por parte da Xunta de Galicia. Privatizar dereitos supón reducilos a un negocio para uns poucos. Esquerda Unida demanda da Xunta de Galicia a defensa deste dereito ao través da xestión pública directa, garantía de transparencia, universalidade e calidade.
Xa que logo, o noso Grupo Municipal considera unha cuestión de dereito e de xustiza que se corrixa a actual discriminación que sofre a nosa cidade e que gravita sobre as arcas municipais. Polo tanto, o Grupo Municipal de Esquerda Unida presenta ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDOS:
– O concello de Ferrol acorda instar á Consellaría de educación da Xunta de Galicia a que se faga cargo na modalidade de xestión directa da prestación do servizo de comedor nos centros escolares da rede pública do termo municipal.
– O Concello de Ferrol amosa a súa radical oposición á privatización do servizo dos comedores escolares e insta, de maneira conseguinte, á Consellaría de educación a manter a prestación deste servizo baixo a modalidade de xestión directa.