Comercio chileno do mexilón

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) manifesta a súa preocupación pola visita que o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, está a realizar a Chile. Segundo o deputado Juan Fajardo, que rexistrou unha pregunta para resposta escrita ao respecto (no documento anexo), a viaxe do alto cargo da Xunta do PP “co obxectivo de estudar e colaborar en materia de acuicultura” agocha a problemática que o comercio con Chile orixina á produción de mexillón en Galiza. “As iniciativas do Goberno de Núñez Feijóo para fomentar a externalización ou as axudas á produción exterior provocan un brutal descenso da venda de mexillón galego”, denuncia Fajardo, que lembra as cifras: “Dende a sinatura do acordo de libre comercio con Chile, a produción galega de mexillón pasou de 298.872 toneladas en 2006 a 227.228 en 2012. Mentres, a importación de mexillón chileno medrou un 100%”.

Alternativa Galega de Esquerda quere saber o orzamento e a composición da delegación da Xunta de Feijóo que viaxa a Chile, o programa concreto da visita e os obxectivos que persegue e un informe posterior das xestións realizadas. “Non pode ser que un tema tan delicado e tan lesivo para os intereses das clases traballadoras galegas, neste caso oara as que teñen que ver coa produción de mexillón”, conclúe Juan Fajardo, “quede sumido no habitual escurantismo co que se desenvolve o Goberno de Feijóo, que sempre refusa dar contas das súas accións á cidadanía”.

Relacionados