Comparecencia de economía

A deputada de Alternativa Galega de Esquerda asegura que só hai un obxetivo para o Goberno do PP, “pagar a débeda nacionalizada dos especuladores financieiros e calqueira outro posible obxetivo queda supeditado a el”.

A deputada de Alternativa Galega de Esquerda, definiu os orzamentos da Xunta  para 2013 como “os Orzamentos do Desemprego, da Desprotección Social, do abandono dos sectores produtivos e que condenan ao país á regresión, á pobreza e á incultura”.

O primeiro que chama a atención tal e como destacou a deputada de AGE é a falla de definición de obxectivos para o país, de estratexia de futuro, de aposta polos sectores produtivos galegos. “Só hai un obxectivo que queda claramente definido, a estabilidade orzamentaria ou o que é o mesmo, pagar a débeda nacionalizada dos especuladores financeiros e calquera outro posible obxectivo queda supeditado a el” afirmou Consuelo Martínez.

O orzamento da Consellería de Economía e Industria para o ano 2013 cun total de 169 millóns de euros, cifra que en sí mesma supón un recorte máis intenso que noutras áreas do Goberno é ben significativo por canto en que ver coa necesaria potenciación do sector productivo industrial, mineiro e comercial e o mellor desenvolvemento e “modernización” de Galicia explicou.

Desde Alternativa Galega de Esquerda sinalan que existe un descenso dramático do orzamento destinado ao desenrolo industrial e económico de Galicia, cun recorte do 16 por cento en Industria, do 32,8 por cento en desenvolvemento empresarial, do 12,7 por cento en Comercio, é dicir, recortes que afectan a todos os sectores productivos.

Estes orzamentos tampouco reflicten a preocupación do goberno da Xunta polos altos índices de desemprego de Galicia, xa que non só non recollen ningunha medida correctora senón que desaparece a dotación para o programa 741B – Fomento do Investimento en Capital Humano. “¿Cómo pode un goberno presentar uns orzamentos que prevén seguir coa destrución de emprego, elevando a taxa de paro ata o 21%?” preguntou a deputada de AGE.

Consuelo Martínez suliñou o feito que nun momento de crise, onde o comercio local, o pequeno e mediano comercio está a pechar ao non poder competir coas grandes superficies e o gran capital comercial foráneo establecido en Galicia, estes orzamentos en axudas ao comercio presentan un recorte respecto ao no 2012 de máis do 12,7 por cento que impedirá a modernización e subsistencia do comercio galego. Segundo fontes da Federación Galega de Comercio, dende finais do ano 2007 ata o 2011, pecharon en Galicia uns 17.000 centros de pequeno e mediano comercio (o 25 por cento do total), coa gravidade de que o número crece ano a ano, pasando dos 1.940 no primeiro ano a uns 6.000 no ano 2011, e pendentes dos datos do ano 2012. É polo tanto claro, que tampouco o comercio galego vai ser a aposta da Xunta para este país, ao non recoller os orzamentos ningunha partida de apoio concreto ao comercio galego, renunciando á necesaria ordenación do sector comercial a prol da revitalización racionalizada do pequeno e mediano comercio.

En relación a Lei reguladora da política industrial de Galicia Consuelo Martínez centrouse en dous aspectos. Por unha banda o relativo a aposta “ineludible” polas actividades exportadoras que se leven a cabo desde o sector industrial como recolle a propia lei polo que a deputada de AGE preguntou ao Conselleiro, Francisco Conde, se cumprirá a Xunta este compromiso cun recorte dun 64 por cento na dotación económica para este ano. Así mesmo, esixíu que dita escasa dotación “non volva a empregarse para financiar a externalización de empresas, como xa ten ocorrido na industria do automóbil en Vigo, a conserva, o téxtil…”. O outro aspecto centrouse nas microempresas que suponen o 95,5 por cento do total sendo máis da metade microempresas sen asalariados polo que tal e como se recolle na Lei resulta necesario favorecer as condicións de financiametno favorecendo as condicións para que mellore o tamaño das empresas e impulsando o seu crecemento. A este respecto, a deputada de AGE preguntoulle ao conselleiro cal é a dotación para lograr este obxectivo xa que non aparece reflectido nos orzamentos da Xunta para o 2013 o mesmo que ocorre co Sector Naval.

No apartado de Enerxía, Consuelo Martínez denunciou a escasa aposta polas enerxías renovables e a renuncia a obter ingresos establecendo por exemplo, un canon para os encoros. “A potenciación das enerxías renovables supoñen un marco de creación de emprego especializado e unha inversión de futuro cara a minorar a dependencia enerxética de Galicia e, sen embargo, este goberno non aposta pola potencialidade de Galicia neste campo” lamentou.

A dotación para o Fomento da Minaría, non parece o mellor plan de futuro para o noso país, polo menos tal e como o entende actualmente a Xunta de Galicia, polo que a deputada de Alternativa Galega de Esquerda manifestou a oposición do Grupo Parlamentario á “autorización de catas nos montes galegos, como está a ocorrer coa Serra do Galiñeiro, outorgando a explotación a empresas foráneas que só deixan desolación cando a mina deixa de ser produtiva,  ou a tramitación por parte da Xunta como ‘proxecto industrial estratéxico’  a mina de Corcoesto, nun claro fraude de lei que pon en perigo a saúde para os veciños da localidade”.

Pero sen dúbida, “a maior indignidade destes orzamentos no que a minaría se refire”, sinalou Consuelo Martínez “vén dado polo Convenio co cluster do Granito para a redución do po de sílice por importe de 156.000 euros que deberían ir destinados á eliminación do sílice. Lonxe délo, o cluster non admite o informe do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, nega a realidade, quédase cos cartos e os traballadores seguen padecendo silicose, algo que xa é un drama social en O Porriño”.

En canto ao papel do IGAPE, a deputada de AGE explicou que deberían establecerse mecanismos de fiscalización e verificación do cumprimento dos obxectivos das axudas, cretos e avais concedidos, especialmente no relativo á súa concreción en Valor Engadido, ou dito doutro xeito, na creación de postos de traballo. Deben tamén introducirse mecanismos que impidan a adxudicación de cartos públicos a empresas sen intención de permanencia, é dicir, “empresas privadas que cobran axudas públicas para logo proceder ao despedimento masivo do seu cadro de persoal e finalmente o peche: exemplo Alfageme ou Cuca”.

Así mesmo, destacou que a liña de axuda denominada “Mellora da Competitividade das pemes galegas” por 3,5 millóns de euros, crea, segundo o IGAPE, 200 postos de traballo no ano, pero non especifica a calidade dos mesmos: xornada, duración de cada contrato, etc.

En resumo, os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2013, non só non dan resposta aos gravísimos problemas do país, senón que o condena á miseria económica, abandona os seus sectores produtivos, deixa o comercio á súa sorte, pon o país en mans de empresas foráneas mineiras, potencia as enerxías tradicionais e leva ao pobo galego ás taxas de desemprego máis dramáticas da súa historia.

Relacionados