Concurso eólico

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), denomina “trapallada xurídica do señor Feijóo” a última modificación do tristemente famoso concurso eólico. Esta modificación é unha circular “nin sequera publicada no Diario Oficial de Galicia”, datada o 12 deste mes e asinada polo director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, que supón “unha modificación substantiva e substancial das normas de dito concurso. E unha circular non está habilitada para algo así”. “Ademais”, engade Sánchez, “estas prácticas ocultadoras e fraudulentas de Feijóo non poden tapar a desfeita á que o novo marco eléctrico aprobado polo Goberno central somete o sector eólico, co silencio pasivo e cómplice dunha Xunta incapaz de exercer as súas propias competencias e defenderse dos ataques ao seu autogoberno”.

A circular mencionada, ditada ao abeiro do artigo 21 da Lei 30/1992 e con natureza de instrución ou orde de servizo, fixa requisitos ou procedementos para a modificación das condición do concurso eólico (renuncias e plans industriais) que implican unha alteración substancial e substantiva das normas reguladoras de dito concurso. “Pero unha circular, non está habilitada normativamente para iso”, puntualiza o parlamentario de AGE. “Ese mesmo documento”, denuncia Sánchez, “atribúe unhas competencias á Comisión de Seguimento do concurso eólico, que non ten na lexislación”. Asegura facelo ao amparo do artigo 2.e) da Orde do 3 de abril de 2012, de regulamento de funcionamento de dita Comisión (DOG de 19/04/2012). “É directamente falso”, engade.

Porque dito artigo 2-e) atribúe competencia a dita comisión para “realizar as propostas de revogación das adxudicacións en caso de incumprimento das obrigas derivadas das actuacións asociadas aos seus plans industriais e do resto de criterios de selección do concurso”. É dicir, a comisión ten competencia para realizar propostas de revogación das adxudicacións por causa de incumprimento, non para fixar “os requisitos para aceptar as renuncias de parques eólicos e as modificacións de plans industriais”.

Contrariamente ao contido da circular asinada por Bernardo Tahoces,  tampouco o artigo 40 da Lei 8/2009 nin o Real Decreto 1955/2000 prevén a devolución dos avais. O artigo 40 da Lei 8/2009 refírese á fianza a constituír despois da notificación da autorización (a devolver cando se poña en servizo a instalación). Os artigos 59 bis e 66 bis do RD 1955/2000 non falan precisamente da devolución, senón sa súa execución mesmo en caso de desistimento. “Tampouco hai norma reguladora nin disposición normativa nin regulamentaria ou de desenvolvemento que ampare a modificación dos plans industriais” expón Antón Sánchez, “como recolle o apartado 2 da circular, nin o correlativo reaxuste do plan contido no resultado do concurso”.

“Todas estas e máis ilegalidades non esconden o fracaso da política do PP no sector eólico galego”, di o deputado de Alternativa Galega de Esquerda, “que se atopa paralizado, destrúe emprego e está ferido de morte por decisións políticas dos gobernos populares tanto en Galiza como en Madrid”. “Un presidente que defenda os intereses do país ten que ter unha posición contundente contra estes abusos dun Goberno ao servizo das grandes eléctricas”, remata.

Alternativa Galega de Esquerda, no canto destas manobras trapalleiras e ao bordo da ilegalidade encamiñadas unicamente a favorecer os intereses do gran capital amigo da dereita, propón botar o peche sobre un concurso eólico morto. E comezar o desenvolvemento do sector das enerxías renovábeis baixo criterios, di Sánchez, “de fomento de enerxías limpas, de produción descentralizada e democrática, para xerar un modelo en mans de moitos e non duns poucos privilexiados amigos dos gobernos de quenda”.

Relacionados