Consecuencias da LOMCE

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixirá mañá ao Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, explicacións sobre graves consecuencias da aplicación da Lei Orgánica para a mellora da calidade do ensino (LOMCE) en materia de Formación Profesional Básica para Galicia que deixa nunha especie de limbo académico ao alumnado do vindeiro curso que non terían máis remedio que esperar como mínimo un ano ata poder facer a reválida prevista no 2018 e obter o graduado escolar. Un título que tal e como destacou o deputado de AGE, Ramón Vázquez, é esencial para acceder a calquera posto de traballo. Diante deste caos organizativo, fonda preocupación e incerteza provocada na comunidade educativa e as duras críticas contra o ministro José Ignacio Wert, o Ministerio de Educación anunciou unha “norma transitoria” para paliar os erros do Real Decreto algo que como advirte o deputado de AGE, Ramón Vázquez, aínda non se executou co que o problema segue sen estar solucionado.

Ramón Vázquez denunciou os importantes desaxustes organizativos no sistema educativo de todo o país que está a provocar a coñecida como LOMCE que se suman ao atraso de decenios na procura dun ensino público, laico, democrático e inclusivo. O pasado 5 de marzo aprobouse o Real Decreto polo que se regula a Formación Profesional Básica, unha norma que recibiu importantes observacións do Consello do Estado referidas a aspectos tan importantes como a falla dunha valoración do impacto da FP Básica na redución do fracaso escolar ou sobre a falla dun estudo económico rigoroso. De feito foi o propio Consello do Estado o que cualificou de parcial e precipitado o seu desenvolvemento e sinalou a conveniencia de atender esta formación de xeito máis conxunto para adaptar esta modalidade de ensino no novo marco normativo. Bota en falla ademais unha valoración sobre como vai afectar a nova norma no abandono escolar, e un estudo económico que valore o impacto que pode ter na realidade social.

Pola súa banda o Consello Escolar do Estado solicitou a retirada do Real Decreto xa que deixa sen saída ao alumnado cunha redacción caótica e incoherente, chea de lagoas lexislativas e contradicións. O Real Decreto non establece así mesmo os necesarios mecanismos de transitoriedade entre os anteriores Programas de Cualificación Profesional Inicial e a nova formación Profesional Básica o que engade mais obstáculos ao alumnado que cursa estes estudos.

A todo isto, súmase o feito de que os 2.000 millóns de euros que se anunciaran para a posta en marcha da Formación Profesional procedentes dos fondos europeos quedan polo momento en 50 millóns de euros que vai adiantar o Ministerio cartos que o deputado de AGE valorou como totalmente insuficiente xa que terán que se repartir con outras comunidades.

Alternativa Galega de Esquerda diante das graves consecuencias que terá a LOMCE para á Formación Profesional Básica aproveitará a comparecencia do conselleiro de Educación para pedir explicacións sobre estas cuestións ao tempo que solicitará a retirada do Real Decreto diante das consecuencias que estas normas terán na organización destas ensinanzas no Sistema Educativo Galego.

Relacionados