Construíndo poder popular

O responsable de relacións institucionais de EU, Carlos Portomeñe, manifestou a importancia deste momento político, que “será decisivo para a configuración dunha maioría con capacidade de crear un poder popular que nos leve a un proceso no que a maioría social encabece a revolta democrática que cambie o modelo económico e a fisionomía das institucións do noso país”.

Este curso político vén marcado polo intento do PP de garantir a súa maioría institucional anunciando o cambio na lei electoral meses antes de que estas se celebren. Con este exemplo, afirma Carlos Portomeñe, “Rajoy se erixe como conde de Romanones cuxo papel na 1ª Restauración borbónica era exercer de tahur e garantir que os procesos electorais se convertisen en xogo de maxia do que sempre saía beneficiado o bipartidismo de Cánovas e Sagasta”. Esto vén a confirmar o pacto de estado que pretende unha saída oligárquica ante a crise política e institucional na que nos situamos, fronte á saída social que defende EU.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, manifestou que “atopámonos nun momento no que as maiorías sociais teñen que ser os principais axentes que coadxuven a derrota deste réxime oligárquico”.

“Esquerda Unida afronta a converxencia dende a pluralidade da esquerda rupturista e sen ningún tipo de exclusión, como así o vén marcando o proceso de refundación que iniciamos hai anos”, afirma Yolanda Díaz e continua “atopámonos nun tempo no que se establece un novo xeito de participar na política onde a cidadanía debe ser a protagonista”.

A converxencia popular que debe ter como obxectivo erradicar o bipartidismo e seu xeito de facer política baseado na corrupción e na privatización de servizos, mudar o xeito de elección das persoas candidatables, a participación e elaboración colectiva dun programa de unidade popular e o protagonismo absoluto da cidadanía no proceso, son liñas que Esquerda Unida considera básicas para a converxencia.

Por outra banda e de cara a este novo curso político Esquerda Unida empregará como unha das ferramentas de mobilización a construción dunha alternativa aos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia que continúan a incidir no empobrecemento da cidadanía e na pérdida de dereitos. Neste senso EU xa iniciou os contactos con diferentes colectivos e movementos sociais.

Relacionados