Convenio especial asistencia sanitaria

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda lamenta a falla de sensibilidade amosada polo Partido Popular ao non dubidar en deixar fora dos sistema sanitario a unha parte da poboación sen sentir o máis mínimo interese nin preocupación polas consecuencias que as súas políticas agresoras están a ter castigando unha vez máis aos mais desfavorecidos. Na comisión parlamentar celebrada esta mañá a deputada de AGE, Eva Solla, presentou unha proposición non de lei na que se instaba á Xunta e a Consellería de Sanidade a esixir ao goberno central que dea marcha atrás na implantación do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria na que se marcan uns requisitos e custes económicos imposibles de asumir por unha parte da cidadanía o que supón excluílos do dereito á sanidade no noso país. Esta decisión constitúe para os deputados de AGE un gravísimo atentado contra os dereitos humanos e pon en tela de xuízo a dignidade e a ética dos membros do Goberno e das persoas que apoian estas medidas xa que “non hai nada máis fallo de ética que lle negar a asistencia a unha persoa enferma” tal e como declarou a deputada responsable da área de sanidade, Eva Solla.

O grupo parlamentar do PP non só xustificou a posta en marcha desta tarxeta senón que negou que se deixara fora a ninguén algo que saben que é mentira sen que por iso lles resulte nin tan sequera incómodo seguir a enganar á cidadanía asegurando que en Galicia non vai ocorrer grazas a creación da tarxeta da beneficencia. Unha tarxeta para a que entre outras cousas é preciso cubrir unha chea de papeis que no caso dos inmigrantes sen papeis non será posible pola dificultade en obter estes documentos, ou estar empadroado o que deixa fora as persoas sen teito do noso pais. Isto sumado ao feito de que son os propios usuarios os que teñen que se achegar aos centros para solicitar esta tarxeta traerá como consecuencia que moitas persoas queden sen asistencia sanitaria tamén no noso país, diga o que diga o Partido Popular.

Outra das cuestións sorprendentes e que tratan de pasar por alto desde o PP céntrase nas contías marcadas polo goberno do Estado para poder se acoller a esta prestación con importes a todas luces difíciles de cumprir para calquera persoa que se atope sen traballo (motivo polo que non cotiza ao Réxime da Seguridade Social) xa que os custes fíxanse en 60 euros mensuais para os menores de 65 anos e máis de 150 euros ao mes para os maiores. Deste xeito todos aqueles que non poidan abonar estas cantidades que sen dúbida serán a grande maioría quedarán sen dereito á sanidade.

Unha nova acción impulsada polo goberno do Partido Popular que deixa de manifesto a súa verdadeira faciana atacando aos menos favorecidos e apostando por un sistema de clases no que os máis adiñeiradas gozan de todas as atencións e coidados sanitarios mentres os de abaixo quedan excluídos e abandonados sen remordemento algún.

“Primeiro están os nosos”

A deputada de AGE, Eva Solla, manifestou a súa total repulsa ante a afirmación do deputado do PP, Miguel Santalices, na comisión parlamentar desta mañá nas que ue semellou un lapsus do seu subconsciente asegurou que “primeiro están os nosos”. Na propia comisión a deputada de AGE criticou estas declaracións alertando do perigoso  das mesmas xa que “hai que ter moito coidado con non traspasar determinados límites por estar estas moi próximos á xenofobia”.

Relacionados