Creación de emprego coa reciclaxe

Esquerda Unida propón a creación dun obradoiro de emprego de recuperación e reciclaxe de materiais, que conxugue emprego e formación para a preparación de novos profesionais do sector. Este obradoiro constituiría un impulso e apoio decisivo ao crecemento da industria da xestión ecolóxica de residuos na bisbarra. Correctamente explotada, a reciclaxe é un potente nicho de emprego nos países avanzados, onde a administración debe xogar un papel decisivo, liderando e facilitando a especialización, para a apertura inmediata do sector e a multiplicación dos postos de traballo rendibles ligados a esta industria. A enorme demanda actual de certos materiais fai que en lugares como Austria a taxa de reciclaxe acade unha media do 65%, porcentaxe que case duplica a taxa coruñesas, algo que debería alertar ao Concello sobre as evidentes oportunidades económicas e carencias locais respecto desta actividade.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes reclama o compromiso do alcalde de aceptar a debate plenario as mocións de emprego que presenten os grupos da oposición. A pesares da depresión económica que vive a cidade o goberno local non só non actúa, senón que obvia propostas de EU encamiñadas a mellorar a competitividade das nosas empresas: promovendo a eficiencia enerxética para abaratar custos de produción, favorecendo os clusters tecnolóxicos e a investigación e desenvolvemento a través de convenios coa universidade ou apoiando ás cooperativas de traballadores, autónomos e PEME, mediante o Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME). Créemos que a situación de inmobilismo é grave a medio e longo prazo, e por iso queremos arrancar o compromiso do goberno municipal de aceptar o debate plenario das mocións de emprego.

O voceiro de EU-V, César Santiso, afirma que “Europa aposta pola reciclaxe como fonte de emprego sostible, rendible e eficiente mentres que aquí reciclamos moi por debaixo da media. Gobernar trátase de poñer a funcionar tódolos mecanismos existentes para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Relacionados