Creación de xulgados

Esquerda unida demanda a creación de dous xulgados na Coruña un do social e outro do mercantil. Na cidade de A Coruña existen na actualidade un xulgado de reforzo no eido do social e outro no mercantil. O incremento exponencial dos asuntos nas ordes social e mercantil saturan a capacidade resolutiva nesas dúas ordes xurisdicionais, na cal adoitan poñerse en xogo os dereitos básicos das persoas que se atopan en situación de desemprego, relativas o cobro de débedas por salarios impagados, indemnizacións por despedimento ou a mesma posta en cuestión dos despedimentos improcedentes ou nulos, así como as débedas das grandes empresas a pequenos provedores ou ás propias traballadoras e traballadores.

A Xunta de Galicia prefire manter unha situación provisoria con estes dous reforzos en troques de demandar a creación consolidada deles. Esa falla de interese deixa na incertidume a súa duración, ao punto de seren renovados ate hai ben pouco con carácter mensual. O reforzo do xulgado do social non tramita as execucións de sentenzas, as dita pero logo se derivan cara a outros xulgados do social, o que supón adiar a resolución e satura a xurisdición; ese bloqueo na execución das sentenzas fire as traballadoras e traballadores que restan atrapados nunha terra de ningures que fai quimérica unha xustiza equitativa e protectora da cidadanía traballadora.

A deputada de EU, Yolanda Díaz presenta unha proposición non de lei a través do grupo parlamentar de AGE avalada polas organizacións sindicais, colexio de avogados e procuradores e mesmo pola xuíza decana da Coruña, en relación coa necesidade de consolidar estes xulgados de reforzo na cidade herculina. A Xunta non debe restar inactiva cando hai unha demanda tan necesaria como unánime e debe acollerse á capacidade legal recollida no artigo 29.2 da Lei Orgánica do Poder Xudicial (así como no artigo 20 da lei 30/98) para reclamar do goberno central os medios materiais e humanos precisos para administrar a xustiza no noso país.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “nun estado democrático e de dereito semella fundamental dotar a xustiza das ferramentas necesarias para que desenvolva a súa labor correctamente, os dados son elocuentes acerca da necesidade de consolidar os xulgados de reforzo, pois están a exceder nun 60% o traballo recomendado limitado a un máximo de 800 casos ao ano para garantir un correcto funcionamento que evite as saturacións”.

Relacionados