Denuncia LGTBIfobia e machismo

Tras a agresión homófoba sufrida hai varias semanas por un compañeiro desta comarca nun pub de Santiago, foron moitas as mostras de solidariedade e de apoio recibidas, pero, por desgraza, tamén foron varias as denuncias de comportamentos LGTBIfóbicos sufridos en varios centros de saúde da cidade.

Acudiron a nós persoas denunciando comentarios como que “os homosexuais só doades sangue para asegurarse de que non tedes SIDA” ou a perda dunha beca tras coñecer a orientación sexual da persoa afectada, ademais do comentario que o noso compañeiro tivo que soportar por parte dunha enfermeira tras sufrir a agresión fascista: “se non sairades da casa isto non pasaría”.

A estas denuncias de actitudes censurables cara as persoas que non entran na heteronormatividade, chegan queixas de comentarios misóxinos e machistas por parte de médicos noutros centros de saúde de Santiago.

É evidente que algo está a pasar nos tempos que vivimos, posto que estes casos non son illados, senón que se tratan dunha continua serie de ataques e desprezos que deben chegar á súa fin inmediatamente, polo que se require a a rápida actuación dos gobernos local e autonómico para protexer ás súas cidadás e cidadáns.

O Consello Comarcal non deixará de loitar contra a LGTBIfobia e o patriarcado e chama á cidadanía a denunciar estes acontecementos e a acudir ás diferentes asociacións de carácter LGTBI e feminista para poder axudarlle no que sexa posible.

Por iso, unha vez máis, demandamos que o Concello, e calquera outra administración pública, leve a cabo as medidas necesarias para garantir unha educación non sexista que contribúa na concienciación e o respecto á diversidade afectivo-sexual e á igualdade entre mulleres e homes.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela esiximos as distintas administración públicas que, cada unha dentro das súas competencias, e tralo debate pertinente coas asociacións e colectivos interesados, elabore e realice distintos plans de accións contra machismo e a LTGBIfobia. Plans que abarquen dende a promoción e educación nos valores cívicos para acadar unha sociedade xusta e igualitaria ata as medidas a acometer perante as denuncias por actitudes ou actos machistas ou homofóbicos.

Relacionados