Deterioro do servizo asistencial

O primeiro ERE da historia da Xunta, que afecta a 251 traballadores, incide na nosa comarca nun servizo social e asistencial básico, como é a valoración da dependencia, co despedimento dos oito traballadores que o integran.

Instamos ao goberno local a que defenda os postos de traballo e o servizo que se presta a cidadanía.

No día de onte  a deputada de AGE, Yolanda Díaz, mantivo unha xuntanza de traballo coas responsables sindicais comarcais de Función Pública de CIG, CCOO e UGT. No transcurso da mesma se  deuselle traslado do plan de amortizacións que está a emprender a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que afecta a 251 traballadores no conxunto de Galicia. As causas dos despedimentos rozan o surrealismo, pois alegan causas económicas e organizativas, que, simulando un modelo empresarial, xustifican os ceses por un descenso dos ingresos, cando, primeiro, os orzamentos son discrecionais e o descenso é forzado polo propio contratante, a Xunta de Galicia e, segundo, estamos a falar de servizos sociais imprescindibles para as persoas dependentes, necesitadas de especial protección. É a propia Xunta a que incorre en fraude de lei ao provocar una minoración orzamentaria na que xustifica os despedimentos.

No tocante a comarca de Ferrolterra, o equipo completo de Valoración da Dependencia vai desaparecer e a súa xestión será centralizada en Compostela, co deterioro do servizo asistencial que esta decisión supón. Catro asistentes sociais, un fisioterapeuta, un médico e un auxiliar administrativo perderán o seu posto de traballo, postos, por outra banda, que foron recoñecidos por sentenza xudicial e que agora, antes de entrar nun proceso de consolidación a Xunta quere, no prazo dun mes, amortizar por razóns espurias.

O camiño da atención a dependencia é a raquitización e case segura privatización, como no caso de Vigo, onde a empresa privada Plexus é a encargada de valorar as dependencias, feito aberrante que fai dun servizo social un negocio.

Os abusos patronais da Xunta non se limitan aos despedimentos, senón que, tamén contra sentenzas xudiciais, limitan os dereitos de descanso e xornada, como acontece no Centro de Maiores de Caranza e no centro de menores Virxe do Carme.

Por outra banda, instamos ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ao cumprimento das promesas que fixo cando estaba na oposición e a que non siga a inercia do seu partido de incumprir os seus programas electorais. Debe poñerse freo ao desmantelamento do Centro de menores Ferrol II, para  convertelo nunha residencia universitaria, decisión que non só non compartimos, senón que combateremos, por razóns de localización afastada do Campus e a ridiculez de facer unha residencia universitaria pública nunhas dependencias con 19 habitacións. Instamos ao goberno municipal a facer as xestións necesarias para que a Residencia Universitaria, da que non dubidamos a súa necesidade, se instale onde se prometeu de xeito pomposo, no antigo Cuartel de Sánchez Aguilera, e que se reconsidere a decisión de anular o Centro de menores.

Así mesmo denunciamos e reprobamos que o documento de amortización caia no cinismo de que ao mesmo tempo que se producen os despedimentos se están a crear prazas. Todas as prazas creadas son mandos intermedios de libre designación, verdadeiros comisarios políticos coa única función de control exhaustivo dos funcionarios.

Relacionados