Día do orgullo LGTBI

Esquerda Unida denuncia a marxinación aos colectivo LGTBI por parte do goberno municipal. Na Coruña houbo un tempo no que os colectivos LGTBI tiñan unha importante presenza e participación na vida da cidade. Aínda acordamos, e non hai tantos anos, a bandeira das seis cores percorrendo as rúas da cidade, da man de Maribolheras Precárias. Foi a partir da alienación co PPSOE que chegou a fin do movemento LGTBI na Coruña, converténdose o Orgullo nunha parodia absurda.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o goberno local persiste no empeño de facer un día do orgullo baleiro de contido e baseado en estereotipos caducos e excluíntes. En lugar de aprender dos erros e rectificar, o executivo Negreira persiste no seu empeño de gastar os cartos en festexos de “non se sabe o que”, dos que este ano se desvinculan totalmente os colectivos, os cales denuncian non ser escoitados nin atendidos polo Concello. Dende EU A Coruña rexeitamos de cheo a programación do Orgullo 2014 do Concello da Coruña, apoiamos as demandas dos colectivos LGTBI da cidade e esiximos ao Concello que escoite e atenda estas demandas, que en lugar de colgarse medallas faga fronte ás continuas agresións e acoso LGTBIfóbico, á discriminación por motivo de orientación sexual e identidade de xénero, que aínda hoxe segue a ser unha constante, e contribúa á sensibilización en materia de dereitos humanos LGTBI, eixo temático do Orgullo LGTBI deste ano.

Asemade, queremos aproveitar para dar a nosa noraboa a A.L.A.S. Coruña, pola súa iniciativa e esforzo de cara a recuperar o carácter reivindicativo do Orgullo LGTBI na cidade, cunha serie de actividades para as que chamamos á participación, en especial á concentración que terá lugar o vindeiro sábado, 28 de xuño, ás 20:30 horas no Obelisco. Dende Esquerda Unida reivindicamos o papel fundamental dos colectivos, e a necesidade de prestar un apoio solidario e desinteresado á súa labor, fuxindo de intromisións partidistas e intereses escuros en sacar rédito da causa LGTBI, unha causa que por outra banda tamén é a nosa.

 

o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o día do orgullo debería ser unha xornada reivindicativa dos dereitos e as liberdades de expresión afectivo sexual é non un mero festexo, que semella é o único que sabe facer este goberno popular”.

Relacionados