Día Medio Ambiente

 

O NOSO TERITORIO, A NOSA IDENTIDADE

 

O territorio marítimo e terrestre de Galiza, supón un valor e un recurso natural cada vez máis escaso, imprescindíbel para o mantemento da diversidade da vida e fundamental para asegurar a continuidade da nosa sociedade. Todo o patrimonio natural, paisaxístico e cultural que contén constitúe tamén un valioso recurso económico para os seus habitantes, presentes e futuros, de aí a urxente necesidade de conservalo. Calquera actuación sobre o territorio debe realizarse dende os principios da sustentabilidade do interese xeral, tendo en conta que o seu deterioro é case sempre irreversíbel e, por tanto, resulta prioritario conservar os seus valores e recursos para as xeracións futuras.

 

Perda e fragmentación de hábitats naturais, diminución da biodiversidade e da produtividade biolóxica, impacto paisaxístico, , caos urbanístico, contaminación e impactos na saúde, desequilibrios territoriais, despoboamento… Todos estes impactos son nalgunha medida consecuencia dun ordenamento territorial insustentábel ou da ausencia absoluta deste, causado pola cobiza do capitalismo depredador.

 

O “boom” urbanístico e a especulación inmobiliaria dos últimos anos provocaron paradoxalmente máis dificultades para acceder a unha vivenda digna, a pesar das miles que fican baleiras. Ducias de urbanizacións nas periferias urbanas e no medio rural estenderon o modelo de cidade difusa, agravando o caos circulatorio, a contaminación, o desbaldimento enerxético, a fragmentación e a perda de identidade do territorio e a deterioración ambiental.

 

Estas políticas irracionais están tamén detrás da actual crise, do endebedamento das familias e da perda de recursos de moitos concellos que apostaron pola construción indiscriminada e especulativa como principal fonte de ingresos.

 

Na Galiza, aínda estamos a tempo de frear esta desfeita. Precisamos dunhas novas regras de xogo para xestionar o territorio centradas na conservación e uso sustentábel dos seus valores fronte á depredación, a mercantilización ambiental e o lucro desmedido.

 

Por iso, neste Día Mundial do Medio Ambiente, as organizacións asinantes reclamamos:

 

-Un novo pacto social polo territorio construído dende o consenso social, a solidariedade e a sustentabilidade ambiental, lonxe dos vellos erros do produtivismo, a economía especulativa, a insolidariedade e a depredación ambiental, características das políticas de “terra queimada” desenvolvidas até agora.

 

-A aprobación dunhas Directrices de Ordeamento do Territorio (DOT) que fronte á presión dos especuladores visen o artellamento equilibrado e sustentábel do territorio e aseguren a cohesión e a xustiza social. O obxectivo é conservar e poñer en valor o noso patrimonio natural, paisaxístico e cultural en intima compatibilidade cunha maior calidade de vida e benestar da cidadanía. Estas DOT, para seren críbeis, deben ser previas ao desenvolvemento das distintas planificacións sectoriais (litoral, infraestruturas de transporte, enerxéticas, industriais, acuícolas, etc.).

 

-Modificar a Lei de Ordenación do Territorio e a Lei de Ordenación Urbanística de Galiza, para entre outras medidas, consolidar a protección da paisaxe e do litoral, delimitar e planificar os usos en función do tipo de solo, limitar os aproveitamentos en chans de especial protección. e restrinxir a figura do “axente urbanizador”.

 

-Ampliar os espazos protexidos, nomeadamente a Rede Natura 2000, desenvolvendo os preceitivos instrumentos de xestión para garantir a conservación dos valores naturais e o usu sustentábel destes espazos.

 

Só deste xeito conseguiremos manter a integridade dun territorio construida ao longo dos séculos polos nosos devanceiros, un dos principais sinais de indentidade de Galiza e chave para o futuro sustentábel do país.

Relacionados