Díaz: “As claúsulas chan son outra mostra de que o lucro do poder económico segue por riba dos intereses da cidadanía”

Respecto ao real decreto publicado polo goberno español sobre a devolución das cláusulas chan, Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea, considera que “é prexudicial e abusivo para as persoas afectadas, xa que outorga todo o poder de decisión sobre a devolución dos cartos cobrados de máis aos intereses dos bancos, non ás persoas, e sen unha arbitraxe independente”.

O pasado 27 de decembro o Tribunal da Unión Europea ditaminou que os bancos españois debían devolver todo o diñeiro cobrado indebidamente como aplicación de cláusulas chan ilegais e abusivas. “O Goberno, en vez de aprobar un decreto para obrigar aos bancos a devolver todo o diñeiro cobrado inxustamente, deixou en mans da banca a posibilidade de facelo, o que é unha mostra máis da estafa-crise que levamos padecendo estes últimos anos, onde os poderes económicos están por riba dos dereitos sociais certificando o vasalaxe dos partidos do réxime e impedindo que se leven a cabo medidas que axuden á maioría social”, sinala.

Por todo isto, Esquerda Unida apoiará as diferentes iniciativas que se leven a cabo para garantir que as persoas afectadas polas ilegais e abusivas cláusulas chan reciban todo o pagado inxustamente de máis sempre que este pago sexa o antes posible e nas mellores condicións para a cidadanía estafada. Neste senso, seguimos a defender unha banca pública que atenda ás necesidades da clase traballadora, non roubándolles, tal e como aconteceu coas preferentes, as cláusulas chan ou as comisións abusivas, que fomente unha economía produtiva e non especulativa, capaz de articular un tecido produtivo que beneficie á maioría social.

Relacionados