alfredo.jpg - 1.15 Kb

E agora Libia (II)

Dito isto, cómpre recoñecer, tamén, que o conflito pode resolverse de tres formas diversas: coa permanencia de Gadafi no poder -aínda que a estas alturas é a menos probable-, cunha intervención militar estranxeira ou co triunfo da insurrección popular. Cada un desas posibles solucións, ademais, tería evidentes consecuencias políticas. Se no primeiro caso a consecuencia sería -obviamente-, a perpetuación da tiranía de Gadafi e no segundo, a usurpación do dereito do pobo libio a decidir o seu futuro e a imposición dun goberno sumiso aos intereses dos estados interviñentes, só a terceira das anteditas solucións significaría o triunfo da democracia e do pobo libio, polo que é a única desexable.

 

O pobo libio non é distinto ao pobo exipcio ou tunisiano: é o mesmo pobo, só que se enfronta a un tirano disposto a matar para manterse no poder. As poucas noticias que chegan dos territorios que xa non están baixo control do goberno libio indican, por unha banda, un claro rexeitamento ao réxime do coronel Gadafi -como proba o feito de que nesas zonas se enarbola a bandeira libia do período da monarquía, substituíndo a bandeira da Yamahiriya-; pero tamén advirten da creación de consellos populares integrados polo pobo e nos que hai presenza de mulleres -o que indica que non estamos ante unha insurrección fundamentalista, senón democrática-.

Ora ben, a estas alturas da historia non debemos ser inxenuos: sabemos que non sempre prevalece o desexable. Libia non é Tunisia, nin Exipto -aínda que este país poida controlar o tránsito de buques pola canle de Suez-; Libia é un importante produtor de gas e petróleo e un dos principais abastecedores da Unión Europea, razón pola que o gran capital internacional está determinado a facer todo o posible para evitar que se repita un novo período revolucionario que volva a nacionalizar o “noso” petróleo, aínda que estea no seu territorio: Iraq é a advertencia desa falta de escrúpulos intervencionistas. Velaí a razón pola que se están a preparar as condicións que Occidente aceptaría como obxectivas para intervir militarmente en Libia: difusión de noticias sobre o bombardeo da poboación civil indefensa, crise de refuxiados nas fronteiras libias, crecente inestabilidade na zona, risco de partición do país en varios estados… Neste sentido, a intervención estranxeira en Libia tería un único obxectivo: controlar o movemento libio revolucionario -usurpando o lexítimo dereito do pobo libio á libre autodeterminación-, e asegurarse o control da produción petroleira. Eis a razón pola que a intervención militar dos EEUU e os seus aliados non só non é desexable, senón que sería negativa para a primavera dos pobos..

Relacionados