Eduardo Garzón debate en Vigo sobre a “Teoría monetaria moderna: a esperanza económica da esquerda”

O Auditorio do Paraninfo do antigo Rectorado da Universidade acolleu este xoves o coloquio “Teoría monetaria moderna: a esperanza económica da esquerda”, organizado por Esquerda Unida Vigo e  impartido polo economista Eduardo Garzón, quen estivo acompañado por Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida e voceiro de Marea de Vigo.

Eduardo Garzón, doutorando en Economía pola Universidade Complutense de Madrid e autor de varios libros e publicacións en materia económica, comezou  reflexionando sobre que é o diñeiro, “ese gran descoñecido, xa que nunca nos falan sobre el, polo que a inmensa maioría da xente non sabe como pode usalo”. “Fronte a este descoñecemento, a nosa proposta é a seguinte: en pleno século XXI temos que garantir que haxa un diñeiro co que se beneficie a maioría da poboación. O diñeiro inventouse para establecer compromisos, para anotar débedas: non para substituír ao troco, como sempre nos dixeron. Os estados poden crear diñeiro e xerar empregos públicos. Se a xente cobra, gástao. Iso é o que propón a  teoría económica da esquerda”, explicou.

“Agora estase a xerar diñeiro e riqueza, aínda que non se pode repartir de forma tan desigual como se fai na actualidade. Fronte a iso, a teoría económica da esquerda baséase en que, quen o desexe, poida ter un emprego. E dicir, que se alguén quere traballar e ter diñeiro, ten que poder facelo e sentirse útil. Isto é o emprego garantido”, sinalou.

 

Eduardo Garzón é membro do Consello Científico de ATTAC, doctorando en Economía Internacional e tertuliano habitual de canais como a Sexta Noite ou colaborador en prensa como La Marea ou El Diario.

Relacionados