Eficiencia enerxética

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno local faga un uso racional dos fondos Smart City, centrándoos na xeración de emprego tecnolóxico que ademais facilite o cambio do modelo produtivo. Os concellos deben asumir que xa non terán tantos ingresos como antes da crise, polo que é unha irresponsabilidade que os fondos do concello vaian dirixidos a conceptos estéticos ou caros informes de situación. A verdadeira innovación e a verdadeira promoción económica son satisfacer a demanda de aforro e acadar novos empregos.

EU xa deu conta da súa opinión respecto das “pouco serias” políticas de eficiencia enerxética que estaba a desenvolver o goberno do Sr. Negreira, pois non é lóxico malgastar 1,6 millóns de euros para contratar a unha empresa externa para facer unha radiografía das instalacións municipais que mellore o seu funcionamento e a súa eficiencia enerxética ou gastar 157.526 € para cambiar tan só 150 luminarias. Semella que o goberno local pretende aparentar que se fai algo aínda que sexa a costa de tirar os cartos.

Esquerda Unida propón a creación dunha escola taller sobre eficiencia enerxética para dar unha oportunidade a un cento de desempregados. A proposta consiste en formar a coruñeses durante ano e medio en técnicas de mantemento de enerxías renovables, mantemento xeral e eficiencia enerxética en edificios, desenvolvendo a parte práctica desta Escola Taller na adecuación de diferentes instalacións municipais como colexios públicos, instalacións deportivas ou edificios de oficinas. Desta forma o concello atenderá a nova demanda de eficiencia enerxética na cidade, reducindo os enormes custes económicos derivados do consumo enerxético, ao tempo que ofrece unha oportunidade real de traballo sostible a moitos coruñeses e coruñesas desempregadas que ademais de formarse recibirían o 75% do Salario Mínimo Interprofesional.

O voceiro de EU-V, César Santiso, afirma “para EU mobilidade e Smart City significan xeración de emprego local a curto e medio prazo, para Negreira hipotecar á cidade para conceder obras millonarias a empresas amigas. Gobernar trátase de poñer a funcionar tódolos medios existentes, tanto humanos como materiais, para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Relacionados