En Marea comprométese cos profesionais da cultura a crear un “tsunami democrático”

En Marea reuniuse esta mañá con representantes do mundo da Cultura nun acto no Museo do Pobo Galego presentado pola arqueóloga María Xosé Bóveda. No encontro participaron os tres concelleiros de Cultura dos municipios do cambio, Branca Novoneyra (Compostela), Xosé Manuel Sande (A Coruña) e Suso Basterrechea (Ferrol), ademais da escritora Marilar Aleixandre, a xornalista Comba Campoy, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e o voceiro de Cultura no Parlamento Galego, Xabier Ron.

O cabeza de lista ao Congreso de En Marea pola provincia de Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, explicou a proposta de En Marea en materia cultural asegurando que “concibimos a cultura como cultivo da propia creación cultural en todas as súas dimensións como cultivo de coñecemento, como cultivo de participación democrática, de acceso á cultura, nese mesmo cultivo compartido nunha dimensión sustentable”. Así mesmo tivo un recoñecemento para a labor que están a desenrolar xa en municipios gobernados polas Mareas como Coruña, Ferrol e Santiago e que están a ser “unha vangarda a nivel cultural, un paradigma a seguir”. A cultura en Galiza chegou a superar o 2 por cento do PIB galego e hoxe está en caída libre. Hai un plan sostido de poda de recorte exterminio cultural que está a levar a cabo o PP no noso país. “Non o podemos permitir, non o podemos tolerar. No Congreso debe ser un recadeiro, un enviado e facer desa cámara unha cámara de resonancia e non so de resonancia senón de propostas activas no eido cultural, de solucións e resolucións. Que teña repercusión no acontecer creativo e no traballo dos traballadores da cultura” explicou Miguel Anxo Fernán Vello. Fixo mención a  seis ideas que están presentes no programa de En Marea e que vai defender, traballar e cultivar, levando a cabo un acto de escoita e sumando para facer un grande relatorio que permita unha actuación definitiva con toda a potencia das ideas e o sentido da lóxica construtiva dunha política liberadora e radicalmente democrática, feita para o conxunto do pobo. A primeira de las a concepción da creatividade como aposta estratéxica dunha nova economía, “cunha achega do 2 por cento supera por exemplo ao que xera a fábrica de Citröen en Vigo, polo tanto aposta estratéxica”. A segunda a cultura como unha cultura social que debe ser cuestión de Estado debemos convertela en cuestión de Estado. Cumprir co dereito dos cidadáns de acceso á cultura.  A cultura dixital ten tamén un espazo no programa de En Marea, pensada como medio de coñecemento, de formación, de información e de educación, democratizando todos os aspectos que teñen que ver con esta nova forma de expresión cultural.Outra das ideas base céntrase en alentar a diversidade cultural e potenciación das culturas e linguas minoritarias. Internacionalización da lingua galega, por en valor o galego e a súa internacionalización. “Temos ese grande tesouro identitario, o idioma internacional. Por en valor en Madrid e en toda Europa o noso idioma e todas as manifestacións que teñen como base a nosa lingua. Asumir o carácter plurinacional e plurilingüístico do Estado de xeito consecuente o Estado debe integrar esta concepción básica da plurinacionalidade na súa política cultural tanto interior como na accións exterior que tamén é sumamente importante” defendeu. E por último, o Estatuto do profesional da cultural, que imos plasmar nos vindeiros meses xa porque está xa avanzado. Estatuto que recolla a capacidade, a riqueza, a potencia a realidade dos creadores culturais, pero que ao mesmo tempo recolla o que é todo ese tecido de traballadores e traballadoras da cultura por exemplo no teatro as costureiras ou deseñadores do vestiario, electricistas que iluminan o escenario, ese grande conxunto de traballadores da cultura sen os que non sería posible proxectar a dimensión creativa. “É un feito novo en Galicia e no Estado español e imos loitar por provocar tamén un cambio neste eido” asegurou. Por todo isto, e para conseguir que estas ideas se convertan nunha realidade no noso país o cabeza de lista por Lugo advertiu de que o vindeiro domingo “vai haber no noso país un tsunami democrático que as vellas estruturas podres que estaban sostidas polas vellas políticas do PP, e o máis conservador do PSOE , van caer, están caendo xa. Tendemos a man ao PSOE ao partido socialista verdadeiramente socialdemócrata para chegar a un acordo sobre un programa para propiciarnos de vez un cambio político en Galicia e temos as eleccións autonómicas ás portas e tamén nas estruturas do Estado español. A cultura debe ser sempre motivo de esperanza, pero activa, de liberación, de construción e de vitoria”.

O primeiro en intervir, Suso Basterrechea, falou das políticas culturais en Ferrol. Destacou na súa intervención a substitución que se levou a cabo da cultura por unha cultura do cemento e así atopamos unha enorme cantidade de espazos pero ningún traballo de base. “A cultura que foi durante moito tempo imaxe de modernidade en todo o Estado, cando chegou a crise o primeiro en caer foi a cultura. Derívanse os fondos a espazos dedicados unicamente ao espectáculo” lamentou.  As dificultades legais, o traballo cun campo absolutamente precarizado, traballo cultural é dos campos máis fráxiles e precarizados. “Sen os pequenos axentes, o que temos é un xigante con pés de barro” afirmou. “Programar é relativamente fácil, pero o auténtico cambio está en arranxar problemas de base e facer protagonistas aos verdadeiros protagonistas. O mundo da cultura é especialmente vivo e as asembleas que realizamos foron moito máis activas que calquera outra”. Basterrechea salientou a recuperación para mans públicas da programación, deseño e montaxe de exposicións no Torrente grande centro cultural da cidade, porque “as políticas do PP simplemente o que tiñan eran alugado os espazos a empresas de fora que pasaban simplemente os programas”.

Branca Novoneyra pola súa banda resumiu as políticas do PP cunha soa actuación impulsada polos goberno en materia cultural, subir o IVE para á cultura ao 21 por cen,  mentres que a taxa pagada polos defraudadores amnistía fiscal 3 por cen. “Isto resume a política do PP no tocante á cultura. A Cultura é parte de nós non podemos pensarnos como cidadáns libres sen a cultura” asegurou. “Para min a cultura é a conciencia e a memoria da cidade, a cultura como publicidade da política é un dos graves problemas do anterior mandato municipal. E tamén está a intelixencia colectiva, todos e todas queremos construír unha cultura de cidade, descentralizada, aberta e participada. É moi importante falar dos atrancos que atopamos na xestión real. Hai que ir a unha modificación da lexislación para desenvolver os nosos programas. Pero penso que é un momento emocionante e compartido polos espazos local, autonómico e estatal. E estamos creando un discurso compartido e delegado na cidadanía”.

O concelleiro de Cultura da Coruña, Xosé Manuel Sande, destacou que “é moi acaída a proposta de reflexionar sobre a cultura e o seu mundo, e que ten moito que ver coas políticas que temos que asumir unha vez que chegamos ós gobernos. Toda a axenda política cultural ata o momento adoita vir connotada polo dirixismo e a tutelaxe, e agora estamos abrindo novos camiños e permitindo modelos de convivencia. Nos últimos tempos temos experimentado diversas experiencias no ámbito musical e escénico nese senos e temos que acadar a participación e a transparencia tamén no mundo da cultura e tamén xerar espazos de convivencia no ámbito da cidade. Están xurdindo procesos de complemento, de apoio e eludindo a tutelaxe tradicional. Este é un dos grandes logros e por iso é interesante qu esteamos hoxe xuntos falando de cousas que ás veces quedan agochadas. Empezan a verse resultados nestes últimos meses, camiños de recuperación da xestión de servizos culturais coma as bibliotecas municipais na Coruña. Ábrense vieiros non só de democratización da cultura. O caso das bibliotecas da Coruña era desolador, das oito bibliotecas, tres tiñan unha xestión pública directa e 5 privada a través dunha empresa non vinculada ó mundo bibliotecario, como é EULEN. O proceso de remunicipalización é esencial para ir aos meollos da cultura enquistados. Temos un novo reto e os gobernos municipais están servindo de experiencia e de mostra do que está ocurrindo a nivel estattal.”

A xornalista Comba Campoy, centrou o seu discurso nas problemáticas do mundo da xestión cultural e do xornalismo. Falou da “historia dun divorcio”, por unha banda na Cultura que se entendeu como lucro, como espectáculo, para minorías que podían pagar uns poucos, e por outra banda a Cultura que está en En Marea, de creadores que traballan tratando de sobrevivir pero aínda así traballan porque cren a cultura como unha forma de facer comunidade, de vivir e de compartir na que non so un creador é unha persoa cun talento innato senón que debe vivir integrada na súa contorna compartindo a súa creatividade e facer participe á comunidade e facer da creatividade unha fonte de riqueza no local. Creadores autónomos, colectivos culturais sen natureza xurídica clara, que teñen serias dificultades para recibir apoios para rachar a situación de precariedade na que viven como denunciou. “Precisamos institucións que faciliten este traballo digno, por iso a creación dun Estatuto destas traballadoras sería un paso adiante moi importante e que está no programa de En Marea e axudaría a fomentar esa cultura que nos interesa” salientou.

Por outra banda falou doutro divorcio, “falamos da crise dos medios de comunicación pero non do xornalismo, xornalistas traballadoras que están loitando por vivir dignamente do seu traballo e que cada vez o teñen máis difícil e os medios de comunicación tradicionais que pelexan por aferrarse a ese poder”. Así, denunciou as políticas de servilismo, comprando favores aos medios de comunicación que deben ser contrarrestada por eses traballadores que loitan por facer un traballo digno e informar de xeito veraz e se traducen en apostas de medios independentes e non reciben ningún tipo de axuda.

O seguinte en tomar a palabra, Xabier Ron, centrouse nas políticas públicas en materia cultural. “Asistimos un auténtico baleiro no tocante a políticas públicas culturais, sometida leis do mercado e que fai que á cidadanía quede afastada, relegada do dereito ao acceso da cultura. O PP o primeiro que fixo foi reducir un 70 por cento o orzamento para á cultura o que deixa clara a intención do PP que é ir privatizando de xeito absoluto o que eles consideran algo secundario, prescindible na vida da cidadanía”. Contra isto En Marea ten claro que é fundamental para empoderar criticamente a unha cidadanía consciente e sabedora de que pode esixir e reclamar, e iso forma parte do facer de En Marea nos gobernos municipalistas.

“Hai tres elementos, patrimonio histórico, natural e cultural está sendo sometido as leis do desleixo temos o que aconteceu cos parques arqueolóxicos cunha xestión totalmente neglixente entregando a empresas de amigos do PP. Temos o que aconteceu co castelo de Monterrei sometido as leis do mercado, transformando o que era un ben de uso público a un uso mercantil afastando a cidadanía do seu dereito fundamental a gozar dese ben. Iso todo é o que temos que recuperar, o dereito á cultura. O 26 de xuño por iso hai Marea e transformaremos esta realidade” concluíu.

Marilar Aleixandre comezou dicindo que a política cultural do PP pode resumirse en dúas cifras: IVA do 21% para a cultura e taxas para os defraudadores na amnistía fiscal 3%. Porén a cultura é parte de nós. Non podemos concebirnos como persoas libres sen ela. Por iso, hoxe temos que dicir que partimos dunha situación pésima. O libro galego está ao mesmo nivel de vendas ca hai 20 anos, retrocedemos dúas décadas. A Marea ten que varrer a esta xente que está impedindo que a cultura se desenvolva. Galicia é a única comunidade autónoma na que non hai un programa de educación para o Patrimonio. Temos que botalos do Goberno do Estado e do Goberno de Galicia. Hai Marea!”

Carlos Ares, centrouse en salientar as problemáticas do sector audiovisual galego destacando en primeiro lugar que “hai outro xeito de facer cultura para todas, de traballar coa xente, pola xente e para á xente”. “Non podemos permitir que o IVE sexa o mesmo para á cultura que para os iates de luxo, non podemos permitir que xuíces ou a policía ditaminen os límites do humor e a liberdade de expresión, non podemos permitir que o noso audiovisual sexa cada vez máis precario, traballe menos e peor. Non podemos e non queremos permitir que haxa menos subvencións a cultura en lingua galega, non podemos permitir que os traballadores carezan dun Estatuto de traballadores que evite a terrible precariedade. Precisamos unha televisión pública que informe, que eduque que axude a xerar unha sociedade máis culta, máis libre, mellor. Non podemos permitir que baixen máis e máis os orzamentos da Cultura. Que a cultura siga en mans de xente a quen non lle importa” asegurou. Rematou a súa intervención botando man da frase dos vellos mariñeiros galegos que non se desexan sorte o que se din é ‘vento nas velas’, porque se algo levaba a morte era a falla de vento, grazas a tantas e tantas mareas, En Marea por devolvernos a ilusión. Vento nas velas compañeiros e compañeiras, Hai Marea!!

Relacionados