En Marea presenta as súas candidaturas ás xerais como unha alternativa ao bipartidismo

“Son xa moitos anos de ‘mareas negras’ no noso País. Frente a esta marea negra, cómpre de novo elevar un único berro de xustiza en troques de tanta inxustiza”

Hoxe en Compostela, no Encontro #AgoraEnMarea, afirmouse un desexo común: En Marea súmanse mulleres e homes de diferentes xeracións para construír un novo espazo de colaboración política plural ao redor dun desexo común: facer posible o que os poderosos cualifican como imposible. En Marea nace da diversidade, da cooperación e do desexo e construír en común unha democracia real e unha vida mellor para os galegos e galegas. Deste xeito presentouse esta mañá a candidatura de En Marea para as vindeiras eleccións xerais do 21 de decembro, data a partir da que “nada será igual” como defenderon os integrantes desta candidatura galega. A presentación aos medios de comunicación tivo lugar nun acto público en Santiago de Compostela, no que as catro candidaturas provinciais ao Congreso dos Deputados e ao Senado estiveron arroupadas por membros das diferentes mareas municipais.

O 15M foi o sinalou o camiño” sinalou Alexandra Fernández Gómez, número 1 por Pontevedra, tras o que “recuperar a soberanía dos cidadáns e das cidadás tomando as prazas, de igual xeito hoxe hai que tomar as institucións, non para reivindicar unha parte do pastel, senón para facer un pastel novo cunha nova receita que inclúa mellores ingredientes: pan, traballo e teito. E tamén dignidade, fraternidade, sensibilidade e respecto”.

Un cambio político que chegará unha vez máis desde Galiza que como destacou o número 1 por Coruña, Antón Gómez-Reino, “non somos un país politicamente atrasado, todo o contrario estamos na vangarda política”. “A sociedade galega sempre respondeu positivamente cando se lle ofreceron novos xeitos de cooperación e unidade política e desta volta volvera facelo” asegurou Gómez-Reino. “O lugar Galicia, e a data o 20D”, aseguro o candidato ao Congreso pola Coruña, “as ventás de oportunidade ábrense poucas veces e só se abren con coraxe e vontade radical de producir cambios en favor das maiorías sociais”. En Marea será quen de aproveitar esta ocasión e o fará con “experiencia probada” porque “política é o que facemos cada día” asegurou Gómez-Reino, “o que nos diferenza do que hai non é a inexperiencia, como algúns están a dicir, o que nos diferenza é a honestidade”.

O espazo de En Marea debe participar activamente nun proceso de apertura de Cortes que será constituínte como subliñou o número 1 por A Coruña. Un paso cara adiante que En Marea está a dar agora cara as Cortes coa vista xa posta nun seguinte paso, as eleccións autonómicas “porque imos traballar por ter futuro, porque os nosos fillos e fillas podan ter un futuro mellor”.

Nesta liña incidiu igualmente o número 2 por A Coruña, Yolanda Díaz, quen apelou a súa experiencia nas institucións como valor transformador das inercias nelas instaladas e coas que cómpre rachar. “Imos En Marea porque o que está en xogo é a Democracia. Unha democracia que sexa económica, que poña a economía ao servizo da xente e non ao revés. Porque non hai democracia cando hai persoas que non teñen casa, que non poden quentar os seus fogares” defendeu.

Na súa intervención, Díaz puxo de manifesto o papel das Mareas municipais que están a demostrar que somos unha xeración formada, que non só sabemos facer oposición, senón que tamén temos capacidade e coñecementos non só para gobernar, senón para gobernar mellor que o desgastado bipartidismo. “Son xa moitos anos de ‘mareas negras’ no noso País. Frente a esta marea negra, cómpre de novo elevar un único berro de xustiza en troques de tanta inxustiza” aseverou Yolanda Díaz. Así, En Marea ten como obxectivo crear institucións que sexan percibidas polos cidadáns como portos de abrigo ante os temporais. Pero tamén que non se conformen con esta democracia de baixa intensidade pensada para cidadáns infantilizados, senón que contribúan a que a vontade de participación dos cidadáns non se limite a emitir un voto cada catro anos. “Agora toca que goberne a xente. Queremos unha democracia tamén feminista na que o machismo non teña cabida porque o proceso constituínte ou é feminino ou non será. Pero tamén unha democracia ecolóxica que cambie o modelo de consumo, desde o verde que forma parte de nós temos que cambiar o noso país”, salientou Yolanda Díaz.

Relacionados