Esiximos responsabilidades

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, insiste en coñecer toda a verdade sobre a desfeita de Alimentos Lácteos, a cooperativa impulsada pola Xunta de Núñez Feijóo que rematou intervida por un interventor concursal. “Isto é un fracaso consumado, dos xestores e da Xunta, da patrimonialización caciquil da Administración”, expuxo Sánchez ao defender, no pleno do Parlamento galego, unha moción destinada a coñecer as responsabilidades do Goberno do PP en toda esta trapallada. “Centos de gandeiros estafados e golpe ao cooperativismo e ao grupo lácteo galego”, resumiu o parlamentario.

Ante esta situación, á que Alternativa Galega de Esquerda (AGE) respondeu con numerosas iniciativas parlamentarias ao longo dos últimos meses, o deputado Antón Sánchez esixiu saber as responsabilidades do Executivo nun proxecto apoiado con cartos públicos. “A estas alturas, só queda saber que pasou, por que os gandeiros foron estafados, e en base a que se investiron estes cartos públicos”, inquiriu. A moción de AGE tamén pide que a Xunta poña a disposición dos grupos parlamentarios “os expedientes completos da concesión de préstamos e de axudas públicas”.

Alternativa reclama a depuración de responsabilidades políticas e a necesidade de esclarecer os procesos de concesión de axudas públicas. E, finalmente, diante do escapismo practicado pola representante do PP que interveu no debate, Sánchez tamén instou á Xunta a que pedise responsabilidades pola súa xestión aos administradores de Alimentos Lácteos. Os outros grupos da oposición –PSdeG e BNG- apoiaron, con engádegas no caso do Bloque, a moción de AGE. O PP rexeitouna e volveu amosar unha vez máis a que intereses serve.

Relacionados